As Pontes, 28 de maio de 2021. A concelleira de Industria, Ana Pena, e o presidente da Asociación de Empresarios Seara, José Castro, mantiveron, a semana pasada, unha reunión para abordar diversas cuestións relacionadas coa situación industrial da vila e valorar as actividades levadas a cabo, durante o último ano, orientadas a promover o tecido empresarial local.

Neste encontro, os representantes de ambas institucións tamén planificaron, entre outras cuestións, as liñas de traballo que, de forma conxunta, se porán en marcha, durante o próximo ano, no ámbito da formación, o emprendemento e a consolidación de novos proxectos locais.

Ana Pena, subliñou a importancia deste encontro, que “ amosa a constante colaboración do Concello con Seara e que amosa o compromiso do goberno municipal co tecido empresarial do municipio, promovendo e apoiando as actividades postas en marcha por esta asociación a favor da economía local, a dinamización e a unión empresarial, a favor do fomento da cultura emprendedora”.