O Concello das Pontes, a través da Área de Benestar Social, retomou, a semana pasado o programa de envellecemento activo dirixido a mellorar a calidade de vida da veciñanza.

Este programa, que se está a desenvolver nas asociacións veciñais de Pontoibo, Marraxón, Goente, San Pedro de Eume, Vinvallo e Paraño, busca, en palabras da concelleira responsable da área, Tania Pardo “impulsar políticas de envellecemento activo mediante a realización de diversas actividades que melloran a calidade de vida das veciñas e veciños mais maiores do municipio, permitindo que as persoas sigan sans e activas, evitando o deterioro físico e cognitivo así como o illamento ou a exclusión social”

As actividades desenvolveranse entre os meses de novembro de 2022 e febreiro de 2023, un día á semana en cada asociación, durante unha hora e media e nelas participan un total de 60 persoas.

A través de actividades tanto físicas como psicosociais e cognitivas “promóvese a función integradora e  activa das persoas maiores na sociedade, a relación entre elas e a axuda mutua así como o mantemento da súa autonomía e independencia para mellorar a calidade de vida” destaca Tania Pardo.

Entre as actividades que se levarán acabo, dirixidas por terapeutas ocupacionais da Asociación A Xanela, destacan as actividades físicas dirixidas a mellorar a motricidade, o mantemento da autonomía e a prevención de caídas, todas elas centradas na persoa xa que “ o exercicio físico mellora os efectos do envellecemento sobre a saúde psíquica e  física e tamén mantén unha relación con un menor deterioro cognitivo, promovendo un mellor estado de ánimo” explica a concelleira de Benestar Social.

Por outra banda as actividades de estimulación cognitiva están orientadas a manter as capacidades cognitivas a medio, longo prazo atrasando o deterioro cognitivo e lévanse a cabo tanto de forma individual como grupal, sempre adaptadas ás capacidades e intereses dos diferentes grupos, destacando os exercicios de memoria, atención, asociación, cálculo ou linguaxe.