As Pontes, 14 de novembro de 2022.  O Concello das Pontes abre mañá o prazo de inscrición no programa “Un teatro de coidados” dirixido ás coidadoras informais do municipio.

A través desta proposta, organizada polo departamento de Benestar Social, o Concello das Pontes e que dá continuidade ao obradoiro de interpretación teatral “Abrindo o telón dos coidados” levado a cabo durante a primavera, búscase, mediante diferentes liñas de traballo, traballar a saúde e o benestar físico, mental e social das mulleres coidadoras de persoas dependentes no ámbito doméstico así coma reforzar, mellorar e potenciar a súa confianza e autoestima.

Tania Pardo, concelleira de Benestar Social e Igualdade, recalca que “a través do programa “Un teatro de coidados” queremos minimizar o impacto do coidado, prestándolles un  espazo de crecemento persoal desde o que explorar novos camiños para recoñecerse, redescubrirse e reciclarse dentro da vida dos coidados, conectando co seu interior, coidando e integrando corpo e mente e sentindo equilibrio interno persoal e coa contorna. É, ao mesmo tempo, unha forma de descubrir os dotes interpretativos persoais onde reafirmar a individualidade e atopar fíos comúns co resto de persoas, reforzando así a colectividade”.

O programa, dirixido a mulleres que desenvolveron, desenvolven ou están en situación de desenvolver coidados no ámbito familiar, comprende 9 sesións de traballo, de dúas horas de duración cada unha, que inclúen asesoramento personalizado e diversas actividades lúdicas orientadas a proporcionar ás participantes unha experiencia completa sobre proceso teatral para concluír coa posta en escena dunha obra creada por elas mesmas para, deste xeito estimular o autocoñecemento e as propias habilidades, a capacidade de gozar do momento presente apartando a angustia, coñecer os recursos persoais, vencer medos, desenvolver a comunicación e a concentración, a memoria e coordinación de maneira individual e cooperativa co resto de compañeiras

Serán diferentes talleres nos que se abordarán aspectos como a planificación, organización e desenvolvemento dun organigrama para levar a cabo a obra teatral, o deseño da estrutura da obra, as súas escenas,a  escenografía e outras cuestións necesarias para a preparación e creación dunha obra teatral para a súa  posterior interpretación.

Deste xeito, as mulleres coidadoras comprenderán e interiorizarán utro punto de vista sobre a súa propia vida xa que, desde a escenificación aprenderán a relativizar, ironizar, comprender de xeito máis liviá e ata ridiculizar os capítulos dramáticos da vida para aliviar a cargar emocional, os prexuízos, os pensamentos negativos diarios e aumentar o sentido do humor, aplicándoo a todos os ámbitos da vida cotiá

Todas as actividades se levará cabo na aula polivalente da Casa Dopeso, desde o 2 de decembro de 2022 ata o 30 de xaneiro de 2023,  os venres, de 17:00 a 19:00 horas. Todas as persoas interesadas en participar nesta actividade poden inscribirse desde mañá e ata o 30 de novembro, no departamento de Benestar Social do Concello das Pontes.