As Pontes, 28 de abril de 2021. A Xunta de Goberno Local do Concello das Pontes aprobou, a semana pasada, o expediente de licitación das obras de mellora da accesibilidade e humanización da contorna do cemiterio dos Alimpadoiros.

A obra, financiada pola Deputación da Coruña e cun orzamento de 122. 465 euros, ten como obxectivo facilitar a mobilidade na zona así como mellorar o acceso principal ó edificio de titularidade pública a través dun conxunto de ramplas que permitirán salvar os desniveis existentes na fachada principal

O desnivel inferior e de menor tamaño eliminarase coa creación de dos ramplas simétricas, en forma de L, deixando dous tramos de escaleiras centrais mentres que, a escalinata curva actual substituirase por unha escaleira central e dous conxuntos de ramplas laterais que seguirán o trazado da escaleira orixinal.

Neste último caso, as ramplas realizaranse con muros de formigón que actuarán como elementos de protección. Así mesmo, o proxecto contempla a instalación de varandas de aceiro inoxidable para garantir a seguridade na zona de tránsito peonil.

O proxecto tamén completa a reparación do firme da calzada co fresado das zonas precisas e o aglomerado da contorna do conxunto de ramplas mentres que o acceso central se executará con formigón impreso.

O goberno local a través deste proxecto avanza na súa folla de ruta para facer de As Pontes un municipio ao servizo das persoas, apostando por un sistema de mobilidade onde o peón gaña protagonismo con especial atención á veciñanza con mobilidade reducida.