As Pontes, 27 de abril de 2020.  A renovada piscina municipal das Pontes abrirá o vindeiro martes, 4 de maio, as súas portas ao público, tras a finalización das tarefas de limpeza da instalación.

Chico Tembrás, concelleiro de Deportes, sinala que esta apertura prodúcese “unha vez rematados todos os traballos de acondicionamento da instalación e nun momento no que a situación sanitaria permite garantir a seguridade da veciñanza. Comezamos coa apertura do vaso para dar resposta ás numerosas solicitudes de reapertura, por parte dos veciños e veciñas, por motivos deportivos e tamén por cuestións terapéuticas, tratando de minorar as molestias que lles causaban os desprazamentos a outras instalacións. En breve, unha vez resoltos uns detalles de illamento, abrirase a parte do ximnasio”.

Para a apertura da renovada instalación deportiva, o departamento de Deportes elaborou un protocolo Covid específico coa finalidade de garantir a seguridade e a saúde das persoas usuarias da piscina.

Así, o aforo da piscina quedará limitado a un máximo de 20 persoas cada hora e o tempo máximo de estancia na instalación, desde a entrada ata o momento da saída, será de 60 minutos.

Serán seis as rúas de piscina habilitadas para a práctica deportiva e estarán divididas en diferentes niveis de nado para garantir o correcto uso. En cada rúa poderán concorrer un máximo de 3 persoas coa excepción da rúa de piscina denominada “ocio” na que poderán estar ata un máximo de 4 persoas.

Por outra banda, para facer uso da instalación, o concelleiro de Deportes, subliña que “a causa das limitacións de aforo impostas pola situación sanitaria é preciso establecer un sistema de solicitude previa para poder prever o número de persoas usuarias e poder organizar cada xornada. A cita debe solicitarse con 24 horas de antelación, chamando ao teléfono 981 44 06 43, de luns a venres, de 08:00 a 14:00 e 16:00 a 20:00 horas e os sábados de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas”.

O horario de apertura das instalacións será de de luns a venres, de 08:00 a 14:00 e 16:00 a 20:00 horas e os sábados de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas, permanecendo pechadas o domingo.

As zonas de vestiarios terán acceso restrinxido en función das medidas sanitarias establecidas e só se poderán empregar os aseos e os cambiadores permanecendo a zona de duchas inhabilitadas.

A instalación terá unha porta de acceso e outra de saída e haberá diversos puntos de hixiene con hidroxeles, papeleiras e papel desbotable a disposición das persoas usuarias.

O uso da máscara será obrigatorio nas zonas de tránsito e zonas comúns, só podendo retirala no momento de acceder ao vaso de baño, onde se depositarán nas zonas delimitadas, segundo protocolo  Covid,  nas que cada persoa usuaria deixará as súas pertenzas.

Despois de cada quenda de baño procederase á limpeza das superficies comúns e tamén se procederá á desinfección do material auxiliar despois de cada uso.

Obras de renovación

As obras de renovación da piscina municipal, financiadas pola Deputación da Coruña e cun orzamento de 347.500 euros, permitiron á adaptación e remodelación dos vestiarios, da zona destinada ao ximnasio así como a favorecer as condicións de accesibilidade para as persoas con mobilidade reducida, avanzan a bo ritmo.

Entre os traballos ocuparon un lugar prioritario a construción dunha nova área de vestiarios para os usuarios e usuarias menores de idade que ata agora compartían espazo cos adultos, creándose unha zona de cambio específica, con maior seguridade, comodidade e intimidade para os nenos e nenas que acoden á piscina municipal.

Por outra banda, como resposta ás demandas dos usuarios e usuarias da instalación deportiva municipal, a sala de máquinas, dispersa nos locais do andar baixo e do primeiro andar, queda agora situada no primeiro piso. Nese mesmo andar creouse ademais unha zona de duchas de contraste e un espazo terapéutico, complementario á sauna existente.

Na sala de ximnasia do andar baixo creouse, próxima á entrada da instalación deportiva, unha zona de agarda co mobiliario e equipamento preciso para facer a espera máis agradable, principalmente, ás nais e pais dos usuarios/as máis novos/as da piscina e, por outra banda, acometeuse a remodelación integral do recibidor da piscina para gañar en modernidade e funcionalidade.

O proxecto asemade incluíu unha serie de reformas, tanto nos vestiarios como no ximnasio destinadas a favorecer as condicións de accesibilidade para as persoas con mobilidade reducida. Creouse un aseo e vestiario adaptado, seguindo a normativa vixente e construiranse novas ramplas, tanto para a entrada á instalación deportiva como para o acceso ao novo ximnasio do primeiro andar.

Regulamento interno da piscina

O pasado mes de marzo, O Concello das Pontes aprobou o novo regulamento interno da piscina municipal. Un documento que ten como obxectivo regular o uso e funcionamento da piscina municipal promovendo o acceso da cidadanía ao deporte,  baixo a premisa dos efectos beneficiosos que sobre a saúde e o tempo de lecer ten a natación.

O regulamento fixa as novas normas de uso das instalacións, tanto para os vestiarios de persoas adultas como dos vestiarios para as crianzas así como as normas básicas de uso da nova zona spa. Tamén marca as normas básicas e imprescindibles para garantir o bo uso da nova sala de fitness, regulando o tempo de uso dos aparellos da zona cardiovascular en horas puntas, limitando do uso da sala e dos seus materiais cando existan reservas previas ou cando sexan empregados durante algún curso.

Outras cuestión que contempla o novo regulamento é a normativa relativa á reserva de actividades ou servizos que requiran dun espazo físico específico, as normas relativas a relación de cursos e das actividades dirixidas que se poidan levar a cabo nos diferentes espazos deportivos cos que conta a instalación municipal así as normas de uso para colectivos (ampas, clubs deportivos, etc.) e establece tamén o réxime disciplinario, establecendo infraccións de carácter leve, grave ou moi grave que poden levar aparelladas a perda do dereito ao uso da instalación e multas económicas.