As Pontes, 29 de xaneiro de 2021. O Concello das Pontes, a través das áreas de Industria e Comercio e Hostalería, lanza unha convocatoria de axudas directas dirixidas ao sector hostaleiro local, orientadas a contribuír a sufragar a perda de facturación provocada polo peche perimetral do municipio durante o período comprendido entre o catro de decembro de 2020 e o catro de xaneiro do presente ano.

Ana Pena, concelleira responsable de Industria, apunta que “son momentos duros que esixen todos os nosos esforzos e temos que acompañar ao sector máis que nunca e esta é a primeira convocatoria dunha liña de axudas, cunha cota fixa de 600 euros, para as que o Concello prevé destinar un total de 100.000 euros e que se suman aos 340.000 euros do plan municipal de reactivación económica e laboral (APREL II 2020) destinado a paliar o impacto económico, social e laboral derivado da crise sanitaria provocada pola COVID 19 sobre as persoas autónomas e microempresas do municipio que durante o confinamento do ano 2020.”

Por medio desta nova liña de axudas, o goberno local ten como obxectivo axudar ao sector hostaleiro local a manter a súa actividade, evitar a destrución de emprego, garantir o tecido empresarial e minimizar o impacto económico da Covid 19

Elena López, concelleira de Comercio e Hostalería, apunta que “ a hostalería é un dos sectores máis castigado pola pandemia, situación agravada no noso concello polo peche perimetral do mes de decembro, un período de alta demanda no sector. Estamos ante unha situación de extraordinaria complexidade para o mantemento do emprego e o sector precisa da nosa implicación para facer fronte á incerteza que ameaza ao sector”.