As Pontes, 29 de xaneiro de 2021.  A terceira edición do Programa Integrado de Emprego das Pontes, subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e cofinanciado polo Concello das Pontes,  permitiu a inserción laboral do 45% do seu alumnado, que na actualidade se atopa traballando en empresas privadas con contratos laborais que superan os tres meses de duración.

Ao abeiro deste programa, no que participaron un total de 100 veciños e veciñas procedentes dos concellos das Pontes, A Capela e Xermade, foron 62 ás persoas que, durante o transcurso do programa, lograron un contrato de traballo, tanto no ámbito público como no privado.

 As insercións laborais realizáronse en ámbitos cunha ampla demanda de persoal por parte do tecido industrial e comercial do municipio, estando, maioritariamente, relacionadas co sector loxístico, alimentario, limpeza, enerxías renovables, mantemento, xeriatría e coidado de menores, entre outros.

A concelleira responsable da área de emprego, Ana Pena, amosou, durante a entrega de diplomas dos cursos realizados durante o último trimestre, na que tamén estiveron presentes o alcalde de Xermade, Roberto García e a tenente de alcalde do Concello da Capela, Natalia Paz, a súa satisfacción polas cifras de inserción logradas. “Un ano máis, superamos o noso obxectivo de inserción fixado para o Programa Integrado de Emprego das Pontes. Os datos confírmannos que debemos continuar apostando pola formación, vencellada ás demandas do tecido laboral do municipio e a comarca, para mellorar a empregabilidade e a situación laboral da veciñanza que se atopa na procura de emprego.

A concelleira tamén lembrou que desde a posta en marcha do Programa Integrado de Emprego, no ano 2018, xestionáronse case 300 ofertas de emprego e foron 162 ás persoas que atoparon un posto de traballo, alcanzándose nas tres edicións os compromisos de insercións do programa, rondando o 40%  todos os anos.

ENTREGA DE DIPLOMAS

Durante este acto, no que se cumpriron con todas as medidas sanitarias por por da pandemia da Covid 19, no que tamén estiveron presentes o profesorado encargado dos cursos de formación fíxose entrega dos diplomas de asistencia e formación, ao alumando que participou no curso limpeza en espazos abertos e instalacións industriais, encamiñado á obtención do certificado de profesionalidade, e no curso con prácticas en empresas de peixería (200h), no que participaron un total de 9 persoas e  adquiriron os coñecementos básicos de prevención de riscos laborais do sector, carné de manipulador de alimentos, técnicas de atención ó cliente e cortes básicos de peixes.

Tamén se fixo entrega dos diplomas acreditativos ao alumnado co módulo sobre rexistros contables no que se traballou sobre o plan xeral de contabilidade e aplicacións informáticas de contabilidade que se completou cun curso de creación de empresas e durante o último semestre o alumnado realizou formación para a obtención do carné C e o CAP

A concelleira fixo tamén entrega dos diplomas ao alumnado que participou en dúas accións formativas que se puxeron en marcha, unha vez coñecida a ampliación do Programa Integrado de Emprego, orientadas a cubrir unha demanda laboral en dous sectores en crecemento na comarca por mor da pandemia provocada pola Covid 19.

Así púxose en marcha un curso de formación básica sobre os dereitos dos nenos, etapas do desenvolvemento dos menores, medidas de seguridade, técnicas de disciplina positiva para cubrir a demanda  do sector da atención de menores e un curso de caixa e reposición, de 100 horas de duración, orientado ao sector da distribución alimentaria

PROGRAMA INTEGRADO DE EMPREGO DAS PONTES

O Programa Integrado de Emprego das Pontes estaba dirixido a mellorar a empregabilidade de colectivos con especiais dificultades de inserción laboral; persoas con discapacidade, en risco de exclusión social ou con baixa cualificación.

A través desta iniciativa o Concello de As Pontes ofreceu unha ferramenta de axuda e acompañamento especializado ó alumnado para que puidese desenvolver as súas competencias persoais, sociais e laborais, e acrecentar a súa empregabilidade para situarse nunha situación máis favorable cara o mercado laboral.

O orzamento do Programa Integrado é de 219.833,90  euros dos cales 175.867,12 euros son aportados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e 43.966,78 euros polo Concello de As Pontes, Concello de Xermade e Concello da Capela.