As Pontes, 7 de outubro de 2021. O Concello das Pontes iniciará, a próxima semana,  as obras de mellora da accesibilidade e humanización da contorna do cemiterio dos Alimpadoiros.

Durante unha visita á instalación municipal, o rexedor local, Valentín Gonzalez Formoso, remarcou que “a través deste proxecto seguimos avanzando na nosa folla de ruta para facer de As Pontes un municipio ao servizo das persoas, apostando por un sistema de mobilidade onde o peón gaña protagonismo con especial atención á veciñanza con mobilidade reducida”.

A obra, financiada pola Deputación da Coruña e cun orzamento de 122.465 euros, ten como obxectivo facilitar a mobilidade na zona así como mellorar o acceso principal ó edificio de titularidade pública a través dun conxunto de ramplas que permitirán salvar os desniveis existentes na fachada principal.

O desnivel inferior e de menor tamaño eliminarase coa creación de dos ramplas simétricas, en forma de L, deixando dous tramos de escaleiras centrais mentres que, a escalinata curva actual substituirase por unha escaleira central e dous conxuntos de ramplas laterais que seguirán o trazado da escaleira orixinal.

Neste último caso, as ramplas realizaranse con muros de formigón que actuarán como elementos de protección. Así mesmo, o proxecto contempla a instalación de varandas de aceiro inoxidable para garantir a seguridade na zona de tránsito peonil.

O proxecto tamén completa a reparación do firme da calzada co fresado das zonas precisas e o aglomerado da contorna do conxunto de ramplas mentres que o acceso central se executará con formigón impreso.