As Pontes, 5 de outubro de 2021. O Concello das Pontes retoma a programación cultural, despois dun breve período de descanso no mes de agosto e setembro, cunha decena de actividades dirixidas a todos os públicos.
Así, o xoves, 7 de outubro, ás 19:00 horas, o salón de actos da Casa Dopeso acollerá o espectáculo “Rosa Caramelo e outras historias” de Talía teatro, dirixido a nenos e nenas a partir de 4 anos e no que que lle dá a volta a roles e estereotipos de xénero.
O venres, 8 de outubro, Iván Fernández, profesor de piano, acompañamento e repentización, conxunto e harmonía no Conservatorio Profesional e Escola de Música de Arzúa, ofrecerá un concerto didáctico de piano, baixo o título “ Da amizade á admiración”, no salón de actos da Casa Dopeso, ás 18:00 horas.
Esa mesma fin de semana, con motivo do día do Cine Español, que se celebra o día 6 de outubro co obxectivo de recoñecer o papel dos/das cineastas e a súa influencia e importancia na vida cultural e social de España, o departamento de cultura organizou un ciclo de proxeccións de cine español, que comezará o venres, ás 21: 00 horas, no salón da Casa Dopeso con “Amanece que no es poco” e continuará o sábado coas proxeccións ás 18:00 horas do filme “Viaje a ninguna parte” e ás 21:00 horas será a quenda para “Belle Époque”.
A seguinte semana, o xoves, 14 de outubro, ás 18:00 horas, o salón de actos da Casa Dopeso acollerá o contacontos para crianzas, “O traxe novo do rei”. Por outra banda, o venres, 15 de outubro, ás 21:00 horas, no Auditorio Municipal Cine Alovi, a compañía Elefante Elegante representará a obra “Dreaming Juliet”, un espectáculo inspirado na peza “Romeo e Xulieta” de W. Shakespeare no que se abordan as cuestións máis esenciais da existencia humana: O amor, a paixón, a familia e a maternidade.
Con motivo do Día das Bibliotecas, que se conmemora o 23 de outubro, desde a concellería de cultura elaborouse un programa que arrinca o mércores, 20 de outubro, ás 20:00 horas, no salón de actos da Casa Dopeso coa conferencia “Apuntes sobre a Ilíada e a Odisea” na que Marcelino López Méndez charlará sobre as principais personaxes da Ilíada e a Odisea e do seu eco e pervivencia dentro do mundo da arte e da literatura.
Ao abeiro desta efeméride, o día 21 de outubro, está programado o conta contos “Dúas heroínas voando van” de Raquel Crespo, no salón de actos da Casa Dopeso, ás 18:00 horas. Ademais haberá, ás 20:30 horas, no mesmo lugar, un recital poético do Grupo Alalá.
Tamén, para conmemorar o Día das Bibliotecas, o día 22 de outubro, no salón de actos da Casa Dopeso, ás 18:00 horas, os nenos e nenas poderán asistir ao espectáculo “Cinema e Música”, no que se musicaliza en directo a película O moderno Sherlock Holmes de Buster Keaton. Finalmente, o día 23 de outubro, ás 12:00 horas, proxectarase, no salón de actos da Casa Dopeso o documental “Negro púrpura” de Illa Bufarda.
O día 22 de outubro, Sarabela Teatro chegará ao Auditorio Municipal Cine Alovi, ás 21:00 horas coa obra “A lingua das bolboretas”, na que o público será testemuña do proceso de aprendizaxe que emprende o protagonista da man do mestre da escola e será tamén testemuña do impacto da Guerra Civil
A programación continuará o xoves, 28 de outubro co espectáculo “A cabaza encantada” de Teatro Calavera, ás 18:00 horas, na Casa Dopeso, co que se celebrará a festividade de Samaín. O venres, 29 de outubro, a compañía Que contas? presentará a partir das 21:00 horas, no Auditorio Municipal Cine Alovi a obra “A voz tomada”.
Xa no mes de novembro, o venres, 5 de novembro, La Quintana Teatro chega coa súa obra “O Premio” unha comedia áceda que fala da situación das persoas dentro dun futuro próximo. Será no Auditorio Municipal Cine Alovi, ás 21:00 horas.
Finalmente, o sábado, 6 de novembro, ás 19:00 horas, está programado o festival de Outono da Rondalla Vila das Pontes, no Auditorio Municipal Cine Alovi, que estará acompañado do grupo Camerata Piu Bella.