As Pontes, 26 de xuño de 2021. O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, acompañado da Presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera Posada visitaron esta mañá a sede de Arteixo Telecom para coñecer, de primeira man, as instalacións e traballos desenvolvidos pola empresa prestadora de servizos tecnolóxicos para a propietaria da infraestrutura ferroviaria de España.

A empresa, situada no polígono industrial de Penapurreira, implementada no municipio a través do Ministerio de Industria, é responsable da fabricación dos sistemas de comunicación tren-terra dos ferrocarrís españois.

Un sistema que permite a comunicación en tempo real de cada tren co centro de mando correspondente e que, na actualidade, xa está instalado en máis de 12.500 quilómetros da rede ferroviaria española (Adif e Adif AltaVelocidad).

O rexedor local valorou moi positivamente esta visita e sinalou a importancia da mesma destacando o papel que a empresa xoga na economía local e da comarca que  “da emprego a decenas de familias das Pontes e dunha comarca que se atopa nun momento complicado e que precisa do apoio público. Unha comarca que ten a ilusión e a capacidade de reinventarse así como de atopar solucións e vías de futuro como a que representa Arteixo Telecom”

Pola súa banda, Isabel Pardo de Vera Posada subliñou o valor da visita ao considerar “moi importante coñecer de primeira man as tecnoloxías que se están desenvolvendo así como as súas evolucións e tamén para que o provedor coñeza as necesidades que ten a compañía en relación ao impulso que se está dando ao ferrocarril en toda Europa”.

“É necesario este desenvolvemento tecnolóxico e é bo compartilo para xerar sinerxias que impacte de forma directa no territorio xa que o potencial é enorme e Adif xoga un papel crave en todo o tecido económico do territorio” engadiu engadiu Pardo de Vera Losada

Reunión con empresarios


Tras a visita a Arteixo Telecom, o alcalde das Pontes e a presidenta de Adif desprazáronse ata as instalacións de Seara para manter un encontro cos empresarios locais e dar a coñecer algúns dos proxectos nos que actualmente traballa a empresa pública e a repercusión que terán na comarca.