O 25 de novembro é o “Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres” Por este motivo, desde a Corporación Municipal queremos amosar a nosa firme repulsa contra todas as formas de expresión de violencia machista.

A violencia contra as mulleres debe entenderse como a manifestación máis clara da desigualdade que existe entre homes e mulleres, como o maior obstáculo para o desenvolvemento dunha sociedade xusta e igualitaria.

A violencia contra as mulleres e nenas, arraigada nunhas relacións de poder desiguais entre mulleres e homes, persiste como unha crise silenciosa e endémica. Este ano, ademais, a pandemia provocada polo COVID19 fai que corran tempos duros de estrés económico e psicolóxico. Por se isto fora pouco, as restricións para combater esta crise sanitaria son para moitas vítimas do maltrato un pesadelo peor que o propio coronavirus, xa que ditas medidas obrigan a reducir ao máximo as relacións sociais e a permanecer no círculo familiar máis estreito, é dicir, a ficar máis illadas co seu maltratador. Cómpre, dende as nosas competencias e responsabilidade, pór todos os medios para evitalo.

Este ano foron asasinadas 80 mulleres en España, e dende o Concello das Pontes queremos amosar o noso apoio a todas as vítimas: ás mulleres asasinadas, aos seus fillos e fillas orfos; ás súas familias e amizades. Compartimos a súa dor, a súa desolación e denunciamos a nosa firme condena a todos e cada unha destes asasinatos.

Sabemos que o asasinato é a última e máis extrema das violencias machistas, pero que son moitas máis e de moi diferentes formas as violencias que rodean e perseguen ás mulleres. Para afrontar todas estas violencias, é preciso recoñecer as graves fendas de xénero existentes no ámbito familiar, social, económico, cultural; compre atallar as causas estruturais e sociais que sustentan estas desigualdades a través de políticas para a promoción da igualdade e a prevención das violencias, aumentar os recursos para o seu correcto desenvolvemento, no ámbito da educación, da xustiza, dos coidados…

A loita contra as violencias machistas esixe un traballo constante e decidido, por que só o día en que ningunha muller sufra violencia, en calquera das súas formas, poderemos dicir que vivimos nunha sociedade igualitaria. Ata entón, temos a obriga de traballar sen descanso.

As institucións públicas debemos poñer no centro da nosa actividade na erradicación de todo tipo de expresións de violencia machista. Compete ós poderes públicos realizar un maior esforzo, coa obriga de articular medidas de sensibilización, asesoramento, atención e protección ás mulleres vítimas de violencia de xénero que nos acheguen a consecución dunha sociedade libre de violencias.

A loita contra as violencias machistas debe ser unha prioridade institucional e política, que atravese todas as esferas, trazando estratexias en todas as áreas, na educación, no deporte, na mocidade, no emprego. Facendo participe a toda a sociedade e fomentando o rexeitamento das violencias.

Resulta fundamental coordinar todos os recursos dirixidos a sensibilizar a toda a sociedade na loita e prevención da violencia de xénero. As entidades locais debemos ser as principais axentes na loita contra a violencia pola súa proximidade á cidadanía, promovendo unha sociedade que non permita, xustifique ou banalice as agresións e as condutas discriminatorias cara as mulleres.

E así, desde o Concello de As Pontes dicimos NON Á VIOLENCIA que sofren as mulleres polo simple feito de selo e COMPROMETÉMOSNOS a:

    1.  Traballar na prevención da violencia machista e promoción dos valores de igualdade e respecto entre toda a poboación.
    1.  Fomentar a ética e a corresponsabilidade nas tarefas e o coidado tanto de menores de idade como de persoas dependentes.
    1. Prestar especial atención ás mulleres en situación de vulnerabilidade.
    1. Desenvolver, no ámbito das nosas competencias e en aplicación da lexislación vixente, unha política municipal activa, integral, transversal e coordinada a favor da igualdade e contra a violencia machista.
    1. Identificar e emendar as posibles deficiencias que atopemos a nivel municipal na loita contra a violencia cara ás mulleres.
    1. Loitar pola erradicación das violencias machistas.
    1. O Concello das Pontes comprometese a poñer recursos a prol da prevención da violencia machista, reforzando o papel do CIM, e implicando a toda a veciñanza das Pontes, en accións de carácter pedagóxico, educativo, social e lúdico que esperten a capacidade crítica, solidaria e comprometida da sociedade.
    1. Implicar a toda a sociedade pontesa na loita contra tipo de violencia.
    1. Como Concello “Libre de trata e prostitución” comprometémonos a realizar campañas contra a explotación sexual de mulleres e crianzas. Así como a impedir que o sistema prostitucional afiance o seu negocio na nosa vila.
    1. Reclamamos da Xunta de Galiza o incremento dos recursos económicos destinados especificamente a loitar contra a violencia machista no proxecto de orzamentos de 2021 de forma que se sitúen, como mínimo, “no 1% do total” e así dotar de suficientes recursos para que se rectifique a liña de incumprimento da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.
    1. Fomentar actitudes solidarias e comprometidas fronte ó maltrato.
    1. Fomentar a igualdade e a ruptura cos estereotipos de xénero, piares básicos na loita contra as violencias machistas.
    1. Apoiar as reivindicacións de entidades e movementos feministas nas actividades e actos contra a violencia machista.
    1. Instar á Xunta de Galicia ó cumprimento da Lei 11/2007, do 27 de xullo, para a prevención e o tratamento integral contra a violencia de xénero, para que impulse a formalización e actualización de acordos interinstitucionais de coordinación entre as diversas instancias e Administracións Públicas con competencias na materia obxecto desta lei.
    1. Instar ao goberno central a que cumpra o Convenio de Istambul.