As Pontes, 10 de febreiro de 2023. As actividades culturais programadas polo Concello das Pontes, durante o ano 2022, no salón de actos da Casa Dopeso e o Auditorio Municipal Cine Alovi, congregaron a máis de 6.300 persoas espectadoras.

A oferta cultural incluíu un amplo programa de actividades entre as que destacaron as representacións teatrais, os concertos, os espectáculos de maxia e de danza, axustadas a todos os gustos, pensadas para o público de todas as idades con prezos alcanzables.

O concelleiro de Cultura, Vicente Roca, amósase moi satisfeito cos datos, mais aínda pola situación que provocou a pandemia e os distintos formatos de consumo da cultura a través das plataformas streaming, e remarca que “estas cifras están en sintonía coa aposta do goberno local coa cultura. O noso compromiso é garantir o acceso de todos os ponteses e pontesas á cultura, a través dunha programación de actividades variada, de calidade e a un prezo alcanzable . Os datos amosan que vamos na dirección correcta”.

O Concello de As Pontes, a través da concellería de Cultura, organizou un total de 42 actividades nos dous espazos culturais municipais e, entre todas as actividades programadas, o espectáculo, con motivo do décimo aniversario, do grupo infantil Pica Pica foi a actividade que logrou atraer a un maior número de persoas espectadoras. Foron 676 as persoas que acudiron ás dúas sesións programadas polo departamento de cultura no mes de febreiro de 2022.

Os espectáculos dirixidos ao público infantil e familiar ocuparon un lugar destacado dentro da programación cultural do ano 2022, destacando a xira de Nadal dos Bolechas, as obras Pinocho, Cartoons, OH-Pera, Distants ou Ambulant, sendo un total de 1.076 as persoas que acudiron ás representacións.

Durante o ano 2022 o Concello das Pontes continuou apostando polo teatro galego coas obras A Lúa vai encuberta, As que limpan, Cigarreiras e Coleccionista, entre outras. Obras dirixidas e interpretadas por figuras destacadas do panorama teatral da nosa comunidade autónoma e que reuniron a máis de 575 persoas espectadoras.

Outro espectáculo que gozou do favor do público, con 426 persoas espectadoras, enchendo o Auditorio Municipal Cine Alovi, foi a Gala de Maxia Internacional na que participaron Dani Polo, Lore Lavand, o Mago Rafa, David Díaz, e o Dúa Kybalion.

Os concertos tiveron un importante poder de convocatoria. Preto de 2.300 persoas espectadoras asistiron ás 13 actuacións musicais programadas durante o ano 2022, entre as que destacaron as de Ialma, Annie B Sweet, A Banda da Loba , Borja Quiza e Andrés Balado.

Por outra banda, os espectáculos de danza, protagonizados polo alumando da Escola Municipal de Danza, Baile Moderno e Flamenco foron os grandes triunfadores da tempada cun total de 1.000 persoas espectadoras.