As Pontes, 8 de febreiro de 2023. O Centro de Información á Muller (CIM) do Concello das Pontes recibiu, ao longo do ano 2022, un total de 1.568 consultas de información e atendeu a un total de 253 persoas

Un total de 148 consultas corresponderon á área xurídica e 1.319 á área psicolóxica e dirección do CIM, 94 consultas estiveron relacionadas con violencia de xénero, cinco consultas foron sobre os recursos no ámbito do benestar social existentes no Concello das Pontes e dúas foron relativas a cuestións de carácter laboral.

No caso da área xurídica, a maior parte das consultas estiveron vencelladas co dereito de familia (réxime económico matrimonial, divorcios, unións extramatrimoniais) e o dereito civil (herdanzas e sucesións, vivenda, alugueiro ou incapacitacións).

As consultas relacionadas cos permisos de residencia, a modificación da cualificación da capacidade, a solicitude de préstamos e as cuestións relacionadas coa seguridade social e a xustiza de balde ocuparon tamén un lugar destacado

Polo que respecta á área psicolóxica, a atención prestada centrouse en terapias e seguimento psicolóxico, tanto individuais como en grupo así como na atención a mulleres vítimas de violencia de xénero.

O traballo da área de atención psicolóxica do CIM estivo encamiñado a realizar un diagnóstico da situación persoal das usuarias e facer un seguimento personalizado para, desde diferentes ámbitos, ofrecer solucións aos problemas polos que acudiron ao CIM, ofrecéndolles unha intervención integral facilitando a derivación cara servizos médicos ou a derivación cara os corpos e forzas de seguridade do Estado, no caso de ser preciso.

O servizo, no que actualmente traballan unha psicóloga e unha avogada, ten como obxectivo prioritario a promoción da igualdade e a loita contra a violencia de xénero e así, xunto coa atención directa, desde o CIM puxéronse en marcha máis dunha vintena de actividades informativas e formativas de cara á sensibilización da veciñanza no principio de igualdade e a prevención da violencia de xénero en todos os ámbitos.

Entre as máis de actividades promovidas polo CIM no ano 2022 destacan a posta en marcha de contacontos charlas e obras de teatro, dirixidas ao todo o do municipio, sobre estereotipos de xénero, as relacións afectivas, a violencia de xénero, un concurso de vídeo de tiktok, a edición dun cómic conto de igualdade protagonizado polos Bolechas e un obradoiro sobre defensa persoal.

Así o CIM organizou o “Contos para cambiar o conto” dirixido ao alumando de primaria do municipio, un espectáculo de narración oral que rende homenaxe ás irmás Mirabal e no que as historias de nenas e mulleres que voan alto son as protagonistas mentres que para o alumando de infantil programouse o contacontos “Aprendendo a querer” no que os nenos e a nenas aprenderon a identificar as relacións afectivas sas das que non o son (falsos afectos que propician as relacións de dominio, apego, dependencia ou abuso).

Tamén achegou a exposición “Cartas de Amor”ao IES Moncho Valcarce, ha mostra do cómic galego sobre a violencia de xénero, con debuxos de autores de sona como Miguel Calatayud, Patricia Castelao, Fausto Isorna, José Luís, Méndez, Jack Mircala ou Eva Vázquez para sensibilizar á poboación máis nova sobre a existencia de violencia nas súas relacións de parella, nos seus modos de relacionarse, axudar a detectala e por tanto a eliminala

Con motivo do 25 N e do 8 M entre outras actividades, organizouse o II Concurso de carteles, coa finalidade de fomentar a reflexión entre o alumnado de secundaria, sobre as causas e consecuencias da violencia machista. Deuse lectura aos manifestos contra a violencia de xénero e sobre a muller e lanzáronse as campañas institucionais “Cansas de oílo’ Nós de vivilo” para reflexionar sobre a banalización da violencia machista, as fakesnews, así como sobre cuestionamento constante das mulleres, responsabilizándoas da violencia que sofren e “As contas xustas”vencellada aos coidados e o emprego femenino no sector comercial

Tamén no ano 2022, a través da Secretaría Xeral de Igualdade, desenvolveuse o obradoiro EmocionArte, dirixido a mulleres coa finalidade de guialas no autocoñecemento, conexión coas súas emocións e o corpo a través da arte e o Concello das Pontes, un ano máis, adheriuse á campaña da Deputación Provincial da Coruña, “Liberdade de Ser e Sentir”dando difusión as actividades e propostas do ente provincial entre a cidadanía da vila.

Convocouse en dúas ocasión a Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero (MLCI) e púxose en marcha a a creación dunha Rede pola Igualdade, un espazo no que as entidades asociativas poñen en común as súas accións en materia de igualdade e que ten como obxectivo promover a formación e concienciación cidadá en materia de igualdade ou o desenvolvemento de actividades de diversa índole.

Ademais, co obxectivo de fomentar e facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral púxose un marcha unha nova edición dos campamentos de lecer educativo e atencións dirixidas ás nenas e nenos de entre 3 e 12 anos durante os períodos de vacacións, nos que se traballou na transversalidade da igualdade de xénero desenvolvendo actividades de corresponsabilidade nas funcións e tarefas domésticas e coidados de persoa.