As Pontes, 22 de xullo de 2018. O Concello de As Pontes deu por rematadas as obras da primeira fase de rehabilitación da Avenida de Galicia coa súa apertura, hoxe, ó tráfico rodado. O investimento total para esta actuación foi de 239.758,28 euros, financiada, integramente, pola Deputación de A Coruña a través do POS (Plan de Obras e Servizos).

As obras permitiron eliminar o desnivel existente entre a estrada e as beirarrúas, substituír a capa de rodadura existente por aglomerado impreso, ampliar as beirarrúas e proceder á mellora da iluminación da vía coa instalación de captafaros led nos pasos peonís e a substitución das luminarias. Tamén se levou a cabo a separación da rede de saneamento e drenaxe e a instalación de novo mobiliario urbano.

Trátase dun proxecto moi ambicioso que permitiu continuar coa folla de ruta do Concello de As Pontes para garantir a calidade de vida dos veciños, apostando pola rehabilitación, a humanización e a mellora da accesibilidade dos espazos urbanos.

Nese sentido, o alcalde, Valentín González Formoso, remarca que “a Avenida de Galicia é unha vía histórica na que a prioridade era o seu papel como estrada de tránsito intenso e, agora, coa evolución da vila e das nosas vías de comunicación, é un espazo no que os peóns gañan protagonismo. Con esta primeira fase de rehabilitación, gañouse en accesibilidade, seguridade e comodidade, e todo acorde cunha área unificada nunha mesma liña estética que terá continuidade en próximas fases”.

Por outra banda, o rexedor local fixo fincapé nos prazos de execución destas obras que “rematáronse en tempo e forma polo que temos que celebrar que se cumprira este compromiso e cun resultado que vai acorde cunha actuación de remozado e humanización do casco urbano, que redunda en beneficio de toda a cidadanía usuaria destes espazos”.

Os traballos, leváronse a cabo nunha das vías máis transitadas do pobo, tanto por vehículos como por peóns, e acometéronse en diferentes fases para non interromper o tráfico. Nunha primeira fase traballouse nunha das marxes da estrada para logo pasar á outra, á vez que se habilitaron dous carrís de circulación, aproveitando a zona de estacionamento.

A Avenida de Galicia só se pechou ó tráfico, con vía alternativa habilitada, no último tramo da obra, para aglomerar e, González Formoso sinalou que “coa reapertura ó tráfico, ós primeiros que temos que agradecerlles a comprensión e a paciencia é ós comerciantes e veciños que foron os máis directamente afectados, pero tamén a toda a cidadanía, polas molestias causadas”.