As Pontes, 25 de xuño de 2018. A segunda Noite Meiga, organizada polo Concello de As Pontes, saldouse cun gran éxito de participación. Centos de veciños e visitantes acudiron, o sábado, á canle IV para gozar das actividades programadas polo goberno local para revitalizar e recuperar a celebración da noite de San Xoán na localidade.

O Concello organizou un programa de actividades dirixido a todos os públicos. A festa arrincou ás 17:30 horas coas actividades para os máis pequenos do municipio: un obradoiro de caracterización de bruxos e bruxas, xogos infantís e a actuación de Willy Pomper co seu espectáculo de pompas xigantes foron algunhas das actividades nas que puideron participar os menores.

A partir das 20:00 horas foi a quenda para os espectadores adultos que asistiron a un percorrido polo mundo das lendas e tradicións entorno á noite de San Xoán e puideron presenciar as actuacións dos grupos Conducto Coloquio, Midnight Riders, Mckuin e Riff Raff e os seus tributos á música dos anos oitenta e ás bandas de rock lendarias.

O momento álxido da noite viviuse coa presentación do espectáculo Meigallo, da Compañía Internacional Pablo Méndez Perfomance, creado ex profeso para a Noite Meiga de As Pontes e co que se deu paso ó acendido da fogueira, preto da media noite. A festa rematou ben entrada a madrugada coa actuación de DJ by Jose.

E todo isto mentres veciños e visitantes daban boa conta da sardiñada popular, cun menú no que non faltaron as sardiñas, os cachelos e o touciño.

O goberno local amósase moi satisfeito co alto nivel de participación dos veciños e da alta afluencia de visitantes na segunda Noite Meiga, unha iniciativa que está chamada a converterse nun vehículo de difusión da cultura tradicional e nun punto de encontro de toda a veciñanza.

II Noite Meiga de As Pontes