As Pontes, 21 de xuño de 2018.  A Concellería de Cultura do Concello de As Pontes ultima os detalles da segunda Noite Meiga que se celebrará o sábado, 23 de xuño, a partir das 17:30 horas, na canle IV.

Esta cita, coa que se quere recuperar a celebración de San Xoán no municipio e servir de punto de encontro para todos os veciños, conta cun programa pensado para o público de todas as idades.

Entre as actividades programadas para os rapaces, destacan un obradoiro de caracterización de bruxos e bruxas no que poderán participar ata un máximo de 50 nenas e nenos, xogos, pintacaras, contacontos e a actuación de Willy Pomper cun espectáculo de burbullas xigantes, ó aire libre, no que os nenos poderán facer as súas propias pompas.

A partir das 20:00 horas, os ponteses e visitantes de máis idade poderán asistir a un percorrido polo mundo das lendas e as tradicións entorno a esta noite máxica e, gozar de múltiples actuacións musicais que comezarán co grupo Conducto Coloquio, que recordará os éxitos dos anos 80 e interpretará os seus propios temas.

Ás 21:30 horas actuará Midnight Riders, tributo oficial de Bon Jovi en España, que dará paso, sobre ás 22:30 horas, á presentación do espectáculo Meigallo da Compañía Internacional Pablo Méndez Perfomances. Un espectáculo, creado para a II Noite Meiga, que, a través da combinación de números aéreos, atrezzo e un amplo grupo de artistas, mergullará ós espectadores nun mundo de feiticeiros e bruxos, encargados de acender a fogueira á media noite.

A celebración continuará, ás 00:30 horas, coas actuacións dos grupos, Mckuin que realizará un tributo a Queen e Riff Raff que versionará temas de AC DC. A festa rematará coa actuación de Dj by Jose.

 

Sardiñada popular

As 20:00 horas dará comezo a sardiñada popular, aberta a todos os veciños. Terá un custe de cinco euros por persoa e o menú constará de sardiñas, chourizo, touciño, cachelos e pan.  

Este ano, como novidade e co obxectivo de protexer a zona, reducir os refugallos e preservar as emisións de CO2 haberá vasos reutilizables. Deste xeito, o goberno local súmase a tendencia dos grandes eventos musicais a nivel nacional e internacional, contribuíndo a facer de As Pontes un municipio máis sostible e respectuoso co medio ambiente.

Os vasos serán de dous tamaños, terán un prezo de un euro e irán serigrafiados coa imaxe do cartel da II Noite Meiga polo que tamén servirán como recordo da cita para todos os asistentes.