A violencia contra as mulleres continúa sendo a violación dos dereitos humanos máis xeneralizada no mundo. O feminicidio é a manifestación máis brutal e extrema da continua violencia que se exerce sobre as mulleres polo mero feito de selo. 1.286 mulleres foron asasinadas polas súas parellas ou ex-parellas durante os últimos 10 anos en España.

Este ano 2024 foron 41 as mulleres asasinadas no noso país, 4 delas en Galicia.

Unhas cifras terribles e incompatibles coa democracia e que esconden as vidas

truncadas de mulleres, dos seus fillos e fillas, das súas familias e amizades.

O asasinato é a expresión máis dramática da violencia contra as mulleres, pero as mulleres sofren cada día diferentes formas de violencia machista. E isto só é a punta visible do iceberg. Por debaixo, existe todo un sistema de violencias normalizadas, lexitimadas e silenciadas que vemos e reproducimos a diario.

E cando o feito de ser muller se entrecruza con outras identidades, como a orixe, a etnia, a idade, a discapacidade ou a orientación sexual, a situación vólvese máis complexa e vese agravada por outras formas de discriminación que tamén existen na nosa sociedade.

Hoxe, 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, é unha data fundamental para dar visibilidade a todas as formas de violencia que se exercen sobre nós, sendo necesario apuntar directamente sobre aquelas que están máis invisibilizadas aos nosos ollos.

O que non se ve, non existe e dar visibilidade á violencia contra as mulleres non é un xesto, é unha mensaxe ás vítimas, aos agresores e ao conxunto da sociedade.

Por isto, co lema “Non as fagas invisibles. AFINA A MIRADA”, o Concello das Pontes quere situar o foco sobre a realidade das rapazas máis novas, as cales tamén viven nun sistema patriarcal onde a violencia de xénero, e especialmente a violencia sexual, é unha das moitas manifestacións da violencia machista que enfrontan acotío.

Entre moitos dos datos cos que contamos podemos destacar que o 46,1% das mulleres novas sufriron algún tipo de violencia psicolóxica por parte das súas parellas.

O 22,6%  das rapazas que sufriron algún tipo de violencia sexual afirman que o agresor foi un amigo home e o 9,2% un compañeiro de clase.

A violencia contra as mulleres está relacionada co uso das tecnoloxías no 82%  dos casos de violencia de xénero na adolescencia.

Realidades que nos poden parecer alleas, pero que están moi preto de nós, ao noso carón, día tras día.

Cando consigue saír á luz, a violencia física, máis identificable ou perceptible, é a que fai saltar as alarmas máis veces. Pero o maltrato ás mulleres prodúcese acotío, en case todos os ámbitos da vida e baixo distintas formas: discriminación, violencia, vexación, dominio, ameaza, acoso, enmudecemento, privación… Mais recentemente recoñecida pero non por iso menos cruel, nesta lista incluíuse a violencia vicaria, é dicir, aquela que o maltratador exerce contra as persoas que a muller máis quere, normalmente fillos e fillas, coa intención de xerarlle sufrimento ou sometela. Durante este ano foron 8 os nenos e nenas asasinados, vítimas da violencia vicaria.

Para afrontar todas estas violencias, é preciso recoñecer as graves fendas de xénero existentes no ámbito social, económico, cultural; compre atallar as causas estruturais e sociais que sustentan estas desigualdades a través de políticas para a promoción da igualdade e a prevención das violencias, aumentar os recursos para o seu correcto desenvolvemento, no ámbito da educación, da xustiza, dos coidados… por iso, queremos incidir na prevención, na educación, na denuncia, no rexeitamento e na necesidade de non gardar silencio ante calquera tipo de violencia sobre a muller.

É por isto que desde o Concello das Pontes asumimos a nosa  responsabilidade de promover a igualdade e erradicar todas as formas de violencia que se exercen contra as mulleres, con independencia da súa orixe, etnia, credo, idade, orientación sexual ou diversidade funcional.

Resulta fundamental coordinar todos os recursos dirixidos a sensibilizar a toda a sociedade na loita e prevención da violencia de xénero. As entidades locais debemos ser as principais axentes na loita contra a violencia pola nosa proximidade á cidadanía, promovendo unha sociedade que non permita, xustifique ou banalice as agresións e as condutas discriminatorias cara as mulleres.

Só unha sociedade na que as mulleres non sufran violencia por ser mulleres pode ser considerada libres, só unha democracia libre de violencia machista é unha democracia plena.

Somos conscientes da importancia de impulsar políticas, programas e recursos que non só rexeiten a violencia, senón que tamén preveñan a súa manifestación. E esta campaña de sensibilización forma parte do noso compromiso institucional en prol da igualdade.

Temos a certeza de que é hora de poñer en práctica unha mirada crítica sobre a nosa contorna. Só se afinamos a nosa mirada seremos capaces de ver os prexuízos, estereotipos e estigmas sociais que temos normalizados e que dan lugar a situacións de discriminación e violencia cara as mulleres.

Quedan moitas cousas por facer, non é fácil o camiño, pero nunca nos sairemos de el. Por todas as mulleres, as que estamos e e as asasinadas, vítimas da violencia machista.