As Pontes, 17 de abril de 2024. A concelleira de Benestar Social, Tania Pardo participou onte na clausura, no IES Plurilingüe Castro de Uz, da 6ª edición do Programa de Democratización do Coñecemento, na que participaron medio centenar de veciños e veciñas da vila, organizado pola UDC coa colaboración do Concello, contando con financiamento da Xunta de Galicia.

Tania Pardo destacou que “con este Programa, a Universidade Sénior achegouse un ano máis ás persoas maiores de 50 anos das comarcas das Pontes, coa intención de seguir dando resposta as súas inquedanzas e necesidades formativas como ven facendo desde a súa primeira edición o ano 2019, promovendo o envellecemento activo no noso municipio”.

O acto de entrega de diplomas tamén contou coa presenza do vicerreitor de Titulacións e Internacionalización, Moisés Canle López, a directora da Universidade Sénior, Matilde García Sánche e a subdirectora, Elena Arce.

As accións formativas desenvolvéronse durante os meses de marzo e abril e tiveron omo obxectivo prioritario revalorizar o patrimonio cultural, social e ambiental da zona, concienciar á sociedade sobre a presenza da ciencia no día a día, e recoñecer o valor das disciplinas artísticas a través do coñecemento e as vivencias.

As materias que se impartiron a través de diferentes seminarios estaban relacionadas con tres grandes áreas temáticas: Arte e Sociedade, Ciencias e Tecnoloxía e Saúde e Benestar e foron impartidas por profesorado da Universidade da Coruña, no salón de actos do IES Plurilingüe Castro da Uz. Cada seminario incluíu tres sesións teóricas e unha sesión práctica con visitas a diferentes espazos de interese da contorna

No módulo dedicado á arte e humanidades achegáronse á conservación do patrimonio industrial da man da profesora Iria Caamaño Franco, ao mundo do dereito sucesorio coa profesora Manuela del Pilar Santos Pita e fixeron un percorrido pola moda a través da historia coa profesora Elvira Lezcano González.

A través do módulo dedicado á ciencia e a tecnoloxía afondaron no mundo da orientación a través das estrelas coa profesora Alsira Salgado Don, coñeceron a evolución da xestión dos residuos no eido doméstico da man da profesora Miriam Timiraos Díaz mentres que o profesor Álvaro Michelena Grandío achegou ás persoas participantes ao mundo da sustentabilidade e eficiencia enerxética.

Finalmente no terceiro módulo do programa, dedicado ás ciencias da saúde, da man da profesora Fátima Santaballa Borreiros aproximáronse aos coidados do pé, coa profesora Raquel Veiga Seijo reflexionaron sobre o edadismo e coa profesor Rosa Meijide Faílde abordaron os efectos das augas termais na saúde.