Vicente Roca, Concelleiro de Cultura

As Pontes,  5 marzo de 2021. O Concello das Pontes retoma a programación cultural no mes de marzo, despois do paro do mes de febreiro debido ás restricións sanitarias establecidas por mor da Covid 19, con máis dunha decena de actividades entre as que hai obras de teatro, concertos, cine e contacontos.

O concelleiro responsable da área, Vicente Roca, apunta que “esta programación está pensada para todos os públicos con propostas para todos os gustos que inclúe teatro, música, literatura, cine. Desde o Concello das Pontes apostamos desde o minuto un pola cultura, non cancelamos ningunha actuación e o que fixemos foi adiar as actuacións xa programadas. En todo momento a nosa filosofía foi apoiar a un dos sectores máis castigados pola pandemia e así o seguiremos facendo”

Así, o sábado 4 de marzo, ás 19:00 horas, no Auditorio Municipal, Leilía celebrará o seus trinta anos sobre os escenarios. A seguinte semana, o xoves, 11 de marzo, ás 18:00 horas no Auditorio da Casa Dopeso acollerá o espectáculo teatral para crianzas, O branco non pinta da compañía Apiario e xa o sábado, 13 de marzo, no Auditorio Municipal Cine Alovi proxectarase, ás 17:00 e 19:00 horas, o filme “Somos Criminais” protagonizado por Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán.

A programación continuará o 18 de marzo, co espectáculo Ris Ras de Teatro Baobab, no salón da Casa Dopeso, ás 18:00 horas e o xoves, 20 de marzo, ás 18:00 horas o público pontés poderá gozar do espectáculo “O mundo máxico de Pinocho” de Educa Teatro Produccións no Auditorio Municipal Cine Alovi. Ese mesmo día, ás 17:00 e as 19:00 horas, no salón da Casa Dopeso proxectarase o filme “Lúa Vermella” de Lois Patiño.

O xoves, 25 de marzo, para celebrar o Día Mundial da Poesía, Marisa Irimia traerá o seu espectáculo “Eloísa a poetisa” ao salón da Casa Dopeso, a partir das 18:00 horas. E xa o venres, 26 de marzo, a compañía de teatro Chévere achegarase ata o Auditorio Municipal Cine Alovi para presentar a súa obra Curva España. Será ás 20:00 horas.

A programación deseñada polo departamento de Cultura inclúe o concerto da formación Malevaje, o sábado, 27 de marzo, ás 19:00 horas. O día 31 de marzo, á mesma hora e no mesmo espazo, será a quenda para Gallaecia All Stars que presentará o seu espectáculo “Mellor a mellor”.

María Jose Llergo será a encargardada de poñer o broche de ouro á proposta cultural do Concello das Pontes será, o 10 de abril, ás 19:30 horas no Auditorio Municipal Cine Alovi.