As Pontes, 8 de marzo de 2021. Como cada 8 de marzo, os grupos municipais do PSOE, PP e Xuntas Por As Pontes en Común, sumámonos ás reivindicacións do Día Internacional das Mulleres e reiteramos o noso firme compromiso coa consolidación da igualdade entre mulleres e homes, plena e efectiva, esencial para o avance da nosa sociedade e a mellora da nosa democracia.

Este 2021, Nacións Unidas elixiu como lema para este día “Por un futuro igualitario no mundo da Covid-19”. E é que hai xa un ano que un feito doloroso e insólito para a nosa xeración alterou e escureceu as nosas vidas. Unha pandemia mundial, unha crise sanitaria que conlevou outra social e económica. Durante a pandemia as mulleres estiveron en primeira liña, desempeñado un papel extraordinario. Como traballadoras no ámbito sanitario, na ciencia e na investigación, desde os servizos esenciais, pero tamén asumindo a responsabilidade dos coidados no ámbito privado.

Esta crise afectou máis ás mulleres. Son máis as que perderon o seu emprego, as autónomas que viron frustradas as súas empresas, as que sufriron un ERTE. Son moitas máis as que fixeron malabares coas clases dos seus fillos e fillas, a atención aos seus pais/nais ou avoas, o traballo profesional, as tarefas do fogar. As que máis sufriron eses efectos, á conta da súa propia carreira laboral e ata do seu benestar. E por suposto, supuxo unha tortura engadida a todas as mulleres vítimas de violencia de xénero.

A crise puxo de relevo tanto a importancia fundamental das contribucións das mulleres como as cargas desproporcionadas que soportan. Ademais, advirte que por mor da pandemia da Covid-19 xurdiron novos obstáculos, que se suman aos de carácter social e sistémico que persistían antes e que frean a participación e o liderado das mulleres. Porque a pesar de que as mulleres constitúen a maioría do persoal de primeira liña, aínda están infrarrepresentadas nos espazos de poder e da toma de decisións.

Desde a corporación local defendemos que hai que intervir para paliar esta situación. Desde as nosas respectivas responsabilidades, estamos a traballar para que esta crise non deixe a ninguén atrás e tampouco leve por diante ás mulleres.

Necesitamos políticas dirixidas a pechar as moitas fendas que nos quedan aínda pendentes como a laboral e salarial, a fenda dixital ou a da corresponsabilidade. Actuacións destinadas a impulsar a corresponsabilidade e a corrixir as situacións de desigualdade das mulleres desde o ámbito rural ao investigador e tecnolóxico. Porque ningún deles son compartimentos estancos, e só abordándoos transversalmente poderemos deseñar os mecanismos certeiros para acabar coa desigualdade.

Debemos seguir demandando políticas dirixidas a loitar contra a pobreza infantil e a de moitas mulleres con fillos e fillas a cargo. Políticas contra a prostitución e trata de mulleres e nenas, contra os ventres de alugueiro, contra todo aquilo que supón un ataque frontal aos dereitos humanos das mulleres.

Acabar coa discriminación entre mulleres e homes e o patriarcado resulta non só un deber ético senón un inaprazable compromiso histórico no que todas as institucións públicas deben e teñen que participar de xeito activo.

Os grupos municipais do PSOE, PP e Xuntas por As Pontes en Común amosamos o noso compromiso coa erradicación da violencia de xénero, o fin da precariedade laboral e a brecha salarial, a defensa dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres, a abolición da trata de persoas con fins de explotación sexual. Queremos unha sociedade paritaria e participativa na que as mulleres ocupen o lugar que lles corresponde por dereito. Unha sociedade que trate ás mulleres como persoas libres para tomar as súas propias decisións.

O 8 de marzo reivindicaremos todo o que queda por facer. A igualdade real e efectiva é o horizonte cara o que temos que camiñas xuntas, unidas e firmes. Existe unha ameaza real de reversión dos logros das mulleres que tanto esforzo custou conseguir.

Declaramos a nosa firme vontade para continuar creando unha sociedade xusta, onde mulleres e homes teñan os mesmos dereitos e onde as nenas e os nenos medren en igualdade de oportunidades con independencia do seu xénero.

Os grupos municipais do PSOE, PP e Xuntas por As Pontes en Común declaramos que o feminismo segue sendo imprescindible para reverter a desigualdade, loitar contra a intolerancia, a violencia e transformar a sociedade.