As Pontes, 30 de xuño de 2020. A feira das As Pontes retomará a súa actividade o mércores, 1 de xullo, tras catro meses de inactividade a causa da crise sanitaria provocada polo COVID 19.

A feria, como era habitual, celebrarase os días 1 e 15 de cada mes e, co obxectivo de garantir as normas de seguridade establecidas polo goberno autonómico, haberá modificacións no emplazamento dos postos de venda.

Así, os postos ubicaranse na Praza do Carme e na Praza de América, na Rúa Ramón Cabanillas e na Avenida de Ferrol, se ben, nestas dúas últimas rúas só estará permitida a instalación dos postos nunha das marxes dos viarios.

Os postos que habitualmente se instalaban na outra marxe de ambos viarios, emplazaranse na Rúa 8 de Marzo para, deste xeito, seguir a recomendación da Consellería de Sanidade de non situar uns postos de venda fronte a outros.

Por outra banda, e sempre co obxectivo de garantir a seguridade das persoas vendedoras e da clientela será obrigatorio o uso de máscara tanto entre vendedores e vendedoras como entre as persoas que acudan a mercar á feira.

Elena López, concelleira responsable da área, sinala que a feira quincenal “é un elemento dinamizador da economía que debe retomar a súa actividade con todas as medidas de seguridade percisas para salvagardar a saúde de todas as persoas participantes”.