As Pontes, 26 de xuño de 2020.  O Concello das Pontes subvencionará con 160.000 euros ás entidades privadas locais, sen ánimo de lucro, que impulsen e realicen actividades dirixidas a persoas maiores, persoas discapacitadas e persoas con adiccións así como ás asociacións que promovan a inserción de colectivos desfavorecidos na sociedade durante o ano 2020.

A finalidade destas subvencións é dar apoio ás entidades sociais para, deste xeito, fomentar a participación da cidadanía en cada ámbito de actuación, contribuíndo a impulsar a democratización da sociedade.

As achegas están destinadas a cubrir os gastos derivados da organización e realización de actividades, o custe dos seguros de responsabilidade civil e accidentes, a retribución do persoal técnico, o arrendamento de servizos, os gastos correspondentes a voluntariado ou monitores/as que colaboren coas asociacións sociais, de xeito puntual, impartindo algunha actividade así como para sufragar o custo por desprazamentos derivados das actividades realizadas polas entidades solicitantes.

Poderán beneficiarse destas achegas as entidades privadas sen ánimo de lucro, inscritas no Rexistro de Asociacións de Galicia e no Rexistro de Asociacións do Concello das Pontes, que desenvolvan a súa actividade no ámbito territorial do municipio ou sobre temas de interese para As Pontes.

Para acceder a estas subvencións é necesario presentar a solicitude a través da sede electrónica do Concello cumprimentada pola persoa representante da entidade social, mediante certificado electrónico, xunto coa documentación esixida na convocatoria. O prazo será de dez días hábiles contados a partir do luns, 29 de xuño.

Pódese obter máis información sobre estas achegas no BOP 92, con data 22 de xuño de 2020 na páxina web www.dicoruna.es ou na páxina do Concello de As Pontes

VER BASES