As Pontes, 2 de xaneiro de 2025. A Xunta de Goberno Local do Concello das Pontes aprobou os expedientes de licitación, por valor de 219.288 euros, das obras de mellora da Rúa Real (fase 1) e a Rúa A Balsa (fase 2), na zona de Vila e a súa contorna, con cargo á Deputación da Coruña.
No caso da Rúa Real, levarase a cabo a renovación do pavimento e dos servizos existentes. Así, retirarase o pavimento existente e, previa á colocación da nova pavimentación, executarase unha nova base con leito de area e morteiro de cemento e area. Manteranse os niveis existentes e a colocación das novas lousas será similar á actual, cunha vagada central ao longo da rúa.
Ademais os sumidoiros de pluviais adaptaranse con novas rellas e cercos e procederase á limpeza das zonas adoquinadas, realizando un novo rexuntado onde sexa necesario.
Por outra banda, realizaranse novas liñas de iluminación soterradas por la canalización existente, dotando de cabreado de alimentación e terra para a instalación de novas balizas que complementarán a iluminación existente.
Desde o goberno local, o rexedor, González Formoso apunta que “ estes traballados permitirán a reforma integral da rúa, seguindo os mesmos criterios estruturais e estéticos aplicados na rehabilitación doutros viarios da Vila, como no calexón do Trigo e a Rúa Perfolla ou na Rúa San Xoán, continuando coa nosa aposta pola conservación, protección do patrimonio e a revitalización do conxunto histórico pontés”.
Mellora da Rúa A Balsa
O proxecto básico e execución das obras de mellora de servizos e pavimentos na Rúa da Balsa permitirá mellorar a accesibilidade así como os servizos públicos de alumeado e saneamento no viario.
Así executarase unha nova pavimentación mediante formigón armado impreso e coloreado, resolvéndose o encontro coa calzada mediante a colocación de bordo de formigón. Os encontros da beirarrúa coa calzada resolveranse mediante a colocación de
bordo, ampliándoas dentro do máximo autorizado, de forma que as beirarrúas actuais pasarán a ter 30 centímetros máis mantendo a xeometría e liñas xerais.
Instalaranse novas canalizacións para o alumeado e novos novos báculos e luminarias en todo o percorrido da zona de actuación. Por outra banda, executaranse as instalacións de saneamento mediante redes separativas e as acometidas necesarias.
Así mesmo, substituirase a varanda actual na ponte do Río Chamoselo por una de aceiro galvanizado y pintado.

























