As Pontes, 16 de outubro. O Concello das Pontes, a través do Conservatorio Profesional de Música, impulsa a estimulación musical temperá entre as crianzas, de cero a tres anos, do municipio.

A concelleira responsable da área, Tania Pardo, apunta que “trátase dunha activade novidosa, posta en marcha este ano por primeira vez no noso Conservatorio. Estas clases teñen como obxectivo contribuír, a través da música, no desenvolvemento intelectual, físico, sensorial e afectivo emocional das nenas e dos nenos”.

A aula de estimulación musical temperá (EMT) do Conservatorio das Pontes baséase na teoría da aprendizaxe musical do pedagogo norteamericano E. Gordon, para, a través de diferentes actividades, crear as condicións idóneas para que as crianzas, xunto cos seus familiares, desenvolvan aptitudes musicais.

Nas diferentes sesións, ás que as crianzas asisten en compañía de familiares, trabállanse diferentes áreas do desenvolvemento infantil, motoras, cognitivas, sociais e da linguaxe orientadas a favorecer a capacidade de atención, a escoita, a concentración ou a imaxinación, para aprender a seguir o ritmo, lograr cantar en grupo ou crear unha melodía.

“As trinta familias que participan nesta actividade aprenden a interactuar a través da música, aprenden cancións, poñen música aos contos, bailan e xogan coa música o que lles permite adquirir maior conciencia de si, da contorna e das demais persoas. En definitiva , aprenden a canalizar e transformar as súas emocións, a empregar a súa imaxinación e  a explorar a súa creatividade” subliña Tania Pardo.