As Pontes, 15 de outubro de 2020. O Pleno do Concello das Pontes aprobou por unanimidade, o proxecto a rehabilitación da cuberta, fachada e pavimento no polideportivo do antigo colexio Monte Caxado e a declaración da súa singularidade para, deste xeito, solicitar á Deputación da Coruña unha subvención de 180.000 euros para levar a cabo as obras (80% do investimento total)

O proxecto, valorado en 228.800 euros, permitirá a rehabilitación do tellado para mellorar a saúde e as condicións de illamento térmico de toda a edificación. Con tal fin, eliminarase o material de revestimento de fibra de cemento e o falso teito para substituílo por un panel sándwich, incorporando dous aireadores na dorsal da cuberta para mellorar a renovación do aire interior.

Ademais rehabilitarase gran parte da fachada para mellorar tamén as condicións de illamento térmico e sanitario do pavillón polideportivo así como a súa iluminación natural para o que se instalará un illamento interior coas mesmas características do tellado e, así mesmo, as follas de poliéster da fachada tamén se substituirán por outras de policarbonato compacto con tratamento de protección contra os raios UVA.

O proxecto tamén contempla a renovación do pavimento na pista, adaptado ás demandas das diferentes disciplinas deportivas que se practican nesta instalación. Deste xeito, disporase un pavimento deportivo de zona elástica para uso multiusos de interiores e de alta competición, axeitado para a práctica de fútbol sala, baloncesto e deportes sobre rodas como o patinaxe e o hockei sobre patíns.

Substituirase, así mesmo, a iluminación actual da zona deportiva, substituíndo as lámpadas existentes por tecnoloxía LED para reducir o consumo de electricidade e mellorar a eficiencia enerxética e luz deste edificio.

Modificaciòn do proxecto de rehabilitación do pavillón da Magdalena

Por outra banda, durante a sesión plenaria, cos votos a favor do PSOE e Xuntas por As Pontes En Común e a abstencíón do BNG, aprobouse a modificación do proxecto de rehabilitación e conservación do pavillón do colexio público A Magdalena.

Trátase dun proxecto iniciado no ano 2015, a través da convocatoria do POS 2016 da Deputación da Coruña que, tras ser aprobado en pleno e licitado, quedou deserto, sendo necesario introducir modificacións para incluir melloras na pista, a creación dun novo vestiario con melloras na accesibilidade así como a modernización da iluminación existente que será substituída por luminarias led.

O concelleiro responsable da área de contratación, Vicente Roca, fixo fincapé “estamos ante dous exemplos de como o Concello das Pontes, con recursos propios, xunto coa Deputación da Coruña, asume os custe de manter e mellorar instalacións que dependen da Xunta de Galicia e sobre as que non asumen ningún tipo de competencia”