As Pontes, 8 de outubro de 2021. Concello de As Pontes destinará 80.000 euros ás achegas para a creación de empresas, a través dunha nova edición do programa “As Pontes Emprende”

A sétima edición deste programa ten como obxectivo prioritario fomentar a actividade económica, incentivar a creación de novos proxectos empresariais e dinamizar a pequena e media empresa e ás persoas autónomas, ofrecéndolles un apoio para que poidan afrontar o reto de establecerse como traballadores/as por conta propia ou o da posta en marcha dun proxecto empresarial

Esta achega súmase aos 219.077 euros destinados nas edicións anteriores e que permitiron apoiar a 84 novos/as emprendedores/as e xerar máis dun centenar postos de traballo en sectores como o da agricultura ecolóxica, o comercio, a hostalaría, a construción, a carpintería metálica ou servizos profesionais.

Ana Pena, responsable de Industria e Emprego no Concello das Pontes, apunta que “con esta nova convocatoria, amosamos, unha vez máis, o compromiso do goberno local coa actividade emprendedora do municipio, adoptando, dentro das nosas compentencias, todas as medidas oportunas para fomentar a capacidade creativa e emprendedora dos nosos veciños e veciñas. Este ano ademais, ante a complicada situación que estamos vivindo debido á Covid19, optamos por modificar as bases do progrma para, deste xeito, poder dar cobertura a un maior número de iniciativas emprendedoras”

Asi mesmo, a concelleira fixo fincapé na importancia das persoas emprendedoras na economía local: “son unha fonte de riqueza e un elemento esencial para o crecemento, a competitividade e a modernización do tecido empresarial local. Contribúen ao sostemento da economía local e son xeradores de centos de postos de traballo”.

O programa As Pontes Emprende contempla dúas liñas de actuación, ambas cun importe máximo de 2.000 euros. A liña Impúlsate está destinada a sufragar os gastos de alugueiro mentres que a través da liña Instálate cubriranse os gastos de inmobilizado material e inversión na adecuación de locais para a posta en marcha da actividade.

Estas axudas están destinadas as persoa físicas ou xurídicas, cun novo proxecto empresarial, cunha antigüidade máxima de 5 anos anteriores á data de publicación da convocatoria destas axudas.

Para acceder a estas achegas é necesario presentar a solicitude a través da sede electrónica do Concello https://sede.aspontes.com/es/index.html, mediante certificado electrónico, xunto coa documentación esixida na convocatoria. As solicitudes poderán presentarse desde o día seguinte á data de publicación do extracto da convocatoria no Boletín oficial da provincia da Coruña e ata o 31 de outubro de 2021

As bases para solicitar estas axudas poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia 183 con data 24 de setembro de 2021 na páxina web www.dicoruna.es ou na páxina do Concello de As Pontes http://concello.aspontes.org/