As Pontes, 2 de novembro de 2020. A Xunta de Goberno Local do Concello das Pontes acordou aprobar, de forma definitiva, o proxecto de urbanización do Poboado das Veigas e darlle traslado a Endesa das alegacion estimadas durante o período de información pública do proxecto.

Con esta aprobación ábrese un período máximo de 6 meses para que a empresa presente, ante o Concello, a garantía para asegurar a correcta execución das obras de urbanización, por un importe do 10% do orzamento do proxecto. Unha vez realizado este trámite iniciaríanse as obras de urbanización no Poboado das Veigas, cun período aproximado de execución de 18 meses

O concelleiro responsable da área de Urbanismo, Antonio Alonso, sinala que “remata así un longo camiño iniciado fai case unha década e que a veciñanza do Poboado das Veigas, finalmente, terá os mesmos servizos e dereitos que o resto de ponteses e pontesas sen que isto supoña ningún coste para as arcas municipais”

O proxecto, que suporá un investimento de 4,5 millóns de euros, contempla unha transformación integral dos equipamentos públicos que inclúen a renovación dos servizos de saneamento, abastecemento, alumeado, rede eléctrica e telecomunicacións, así como completar a urbanización precisa para que os terreos nos que se asenta o Poboado das Veigas acaden a condición de solar o que permitirá a súa posterior venda aos seus inquilinos/as actuais.

Antonio Alonso califica este proxecto como moi beneficioso para o municipio, nun momento complicado, xa que “vai supoñer un importante fluxo económico vencellado aos traballos de urbanizacion ao que haberá que sumar o xerado polos traballos que cada veciño/a desexe realizar nas súas repectivas vivendas, unha vez sexan propietarios/as das mesmas”

Por outra banda, de acordo ao convenio asinado con Endesa non ano 2016, a empresa propietaria dos terreos entregará ao Concello, unha vez renovados e sen custo algún, , os viarios, as zonas verdes e equipamentos coma os campos de fútbol e tenis, o conservatorio, ou o lar de Endesa, que pasarán a formar parte do tecido urbano do municipio.