As Pontes, 29 de outubro de 2020. O Concello das Pontes, con motivo da celebración das festividades de todos os Santos e Defuntos, porá en marcha un protocolo COVID para garantir a seguridade da veciñanza.

Así, co obxectivo de evitar aglomeracións, durante toda a fin de semana, os cemiterios municipais ampliarán os seus horarios de 09:00 a 22:00 horas para, deste xeito, poder espaciar as visitas e evitar as aglomeracións.

Con esta mesma finalidade, establécese un máximo de 4 familiares ou persoas conviventes por grupo de visita e as visitas non deberán superar os 30 minutos de duración, sempre respectando o aforo máximo de cada camposantos, fixado nunha persoa por cada catro metros cadrados.

A Policía Local e Protección Civil encargaranse do control dos aforos e do cumprimento destas medidas, sendo “imprescindible a colaboración cidadá para lograr que ambas xornadas se poidan desenvolver sen incidentes e con seguridade” apunta o concellerio de Seguridade Cidadá, José Ramón Alonso.

O Concello tamén organizará a circulación das persoas dentro dos cemiterios establecendo circuítos diferenciados de entrada e saída e porase á disposicion de todas as persoas visitantes dispensadores con xel hidroalcólico á entrada do cemiterio, reforzándose tamén o servizo de limpeza durante as dúas xornadas.

Asemade, procederase á instalación de cartelería na que se lembrará a importancia da hixiene de mans, o uso de máscaras, así como o mantemento das medidas de distanciamento interpersoal, información sobre os horarios de apertura, a limitación de aforos e as limitacións da duración das visitas.

O edil fai un chamamento especial a todos os veciños e veciñas, para que cumpran estritamente as medidas sanitarias establecidas e ademais pide á veciñanza que, na medida do posible, realicen con anterioridade á fin de semana as tarefas de limpeza como medida adicional preventiva para evitar aglomeracións.