As Pontes, 21 de xuño de 2023.  As Pontes xa teñen todo preparado para vestirse de gala e acoller, o mércores día 28, ás futuras estrelas do fútbol sala feminino español. O pavillón municipal acollerá, a partir das 20:00 horas, un partido internacional entre os combinados sub 17 de España e Portugal.

Este encontro foi presentado esta mañá, no salón de plenos municipal, acto que contou coa participación do vicepresidente da RFGF e máximo responsable do fútbol sala en Galicia, Pablo Prieto; o tenente alcalde, Antonio Alonso; a concelleira de Deportes, Elena López; a seleccionadora nacional, Clàudia Pons; e os representantes dos clubs locais, O Esteo FS e o Lago DVSport.

Antonio Alonso salientou que “para As Pontes o mércores 28 de xuño será un día histórico. É moi importante para este municipio que veña a Selección Española a xogar un partido. Para nós é unha emoción poder albergar este tipo de eventos de carácter internacional”. “Con isto o que queremos tamén é reforzar o extraordinario traballo que veñen realizando desde hai anos os clubs do municipio”, engadiu.

Elena López, pola súa banda, aproveitou para facer un chamamento “a todos os veciños e veciñas de As Pontes. Non todos os días un ten a posibilidade de ver á Selección Española aquí, na nosa casa”.