As Pontes, 12 de setembro de 2022.  O Concello das Pontes foi un dos 121 municipios españois seleccionados polo Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana para a posta en marcha dun proxecto piloto para a planificación local sostible cara o ano 2030. Tras a redacción do Plan de Acción, que recolle as accións necesarias a levar a cabo, foi debatido e aprobado por unanimidade no Pleno municipal celebrado o día 9 de setembro.

A Estratexia aprobada pretende convertir As Pontes nun municipio sostible, asumindo o reto de descarbonización do seu sistema produtivo e cumprindo cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) das Nacións Unidas, mellorando o acceso ao financiamento para todos aqueles proxectos de transformación social, económica e medioambiental que inclúe o Plan de Acción.

A redacción da Estratexia apoiouse en persoas expertas e coñecedoras da realidade local, en estudos e plans sectoriais previos, e foi completado e enriquecido a través dun proceso de participación no que colaboraron actores chave e cidadanía en xeral, mediante diversas accións participativas, e con responsables da Administración Xeral do Estado, Xunta de Galicia, Deputación provincial da Coruña.

O Plan de Acción conta cun total de 10 obxectivos estratéxicos, 24 obxectivos específicos e 33 accións chave que definen un desenvolvemento local sostible relacionado cos retos e desafíos considerados como principais no horizonte 2030: As Pontes “Emprega”, “Sostible”, “Integra” e “Activa”.

Os proxectos estratéxicos que se recollen abordan a diversificación da estrutura produtiva local de cara a garantir o emprego no municipio; proxectos de humanización das zonas urbanas que prioricen a mobilidade a pé e fagan máis accesibles ás mesmas; actuacións encamiñadas á eficiencia enerxética e as enerxías renovables; un plan de ampliación de equipamentos e servizos públicos para a poboación dependente; actuacións para impulsar a economía circular tanto a nivel cidadá como empresarial; a creación dun parque de vivenda pública en alugueiro para colectivos con dificultades de acceso, principalmente a poboación xove; creación de nova oferta de aloxamento turístico; ou un plan para a infancia, adolescencia e a xuventude.

Estes e outros proxectos poden ser revisados a través dun visor web, contando con información e as descricións de cada unha das accións estratéxicas, dende a propia páxina do proxecto (https://axendaurbana.aspontes.org/). Tamén, na mesma, podemos acceder ao documento completo, no que se recolle o proceso de diagnose e a totalidade de proxectos recollidos e definidos nesta Estratexia.