As Pontes, 10 de setembro de 2022. No marco da Semana Europea da Mobilidade, As Pontes acollerá do 16 ao 18 de setembro a I exposición e proba de vehículos de combustibles alternativos, un evento organizado pola FAEPAC en colaboración co Concello das Pontes e a Deputación da Coruña.
O obxectivo deste evento é tratar de poñer en valor e fomentar as políticas de aforro e eficiencia enerxética, así como a promoción das enerxías renovables no ámbito local. Durante tres días, o núcleo urbano das Pontes acollerá esta exhibición de vehículos de todo tipo de enerxías alternativas incluíndo bicicletas, motos, patinetes e maquinaria, así como complementos para recárgaa dos mesmos.
Na exposición as persoas visitantes poderán probar e analizar vehículos de diversos combustibles alternativos, tales como a electricidade (100% eléctricos ou híbridos), gas natural, GLP, biocarburantes, hidróxeno ou combustible P.Series.
Ademais, ofrecerase a posibilidade de coñecer outros métodos de desprazamento que favorecen os beneficios ambientais e económicos como son o Smart Mobily, unha forma de mobilidade intelixente e eficiente.
A Semana Europea da Mobilidade é a principal campaña de sensibilización de Comisión Europea sobre mobilidade urbana sostible, fomentando o cambio de comportamento a favor da mobilidade activa, o transporte público e outras solucións de transporte limpas e intelixentes.