As Pontes, 10 de marzo de 2020.  A reunión da Mesa de Transición Enerxética das Pontes celebrada hoxe en Madrid, e que contou coa participación de representantes do Ministerio de Transición Ecolóxica, a Xunta de Galicia, o Concello das Pontes e portavoces dos sindicatos, empresarios e transportistas, concluíu co compromiso de seguir traballando polo futuro industrial do municipio.

Ana Pena, concelleira de Industria declarou, ante a esperada constitución da mesa, que foi “unha extensa reunión na que tanto o Ministerio como a Xunta de Galicia amosaron o seu compromiso con As Pontes. Imos a continuar traballando no máis urxente, na procura de medidas de apoio e axuda para os colectivos máis afectados, como son os transportistas, que levan xa case un ano parados, e para as persoas que traballan nas empresas auxiliares, que o día 1 de abril finalizan os seus contratos” indicou Pena.

Non obstante a edil amosou a decepción do Concello das Pontes ante “a ausencia de compromiso de Endesa co emprego vinculado e a súa nula implicación para establecer unha vía de diálogo cos traballadores e traballadoras das empresas auxiliares e os transportistas para aportar claridade as súas situacións”.

A reunión da Mesa de Transición Enerxética das Pontes tamén concluíu co acordo de seguir avanzando e traballando nas probas con biocombustibles, nas que, tanto o Ministerio como a Xunta de Galicia, fixeron fincapé na necesidade de esixir a Endesa que se implique, de forma firme, no estudo da viabilidade técnica” remarcou Pena.

Por outra banda, a edil subliñou que o Ministerio de Transición Ecolóxica establecerá un calendario para próximas reunións nas que se avaliarán os resultados das probas con co-combustión de biomasa, que se porán en marcha durante os meses de maio e xuño, e que permitirían manter activa central térmica e, por extensión garantir o seu futuro e o do municipio.”

Ademais no transcurso desta reunión, desde o Concello das Pontes incidiuse, de novo, na necesidade de ter en conta, na adxudicación dos nós de evacuación, os beneficios sociais, económicos e laborais que os proxectos reporten ao concello, para que a adxudicación se efectúe a aquelas propostas que amosen un maior compromiso co emprego en As Pontes”.