As Pontes, 2 de xaneiro de 2023.  A Cabalgata das Pontes regresa este ano á normalidade é os Reis Magos e os seu séquito, subiranse ás carrozas para percorrer, na tarde do 5 de xaneiro, as rúas do centro urbano, despois de visitar durante a mañá diferentes asociacións veciñais nas parroquias pontesas.

Nesta ocasión, a cabalgata de Reis das Pontes superará os 250 metros de lonxitude, sendo a máis longa da provincia, e estará integrada por tres vehículos clásicos e sete carrozas, desde as que as súas maxestades repartirán 600 quilogramos de caramelos, coa axuda de 150 nenos e nenas da vila.

Formarán parte do cortexo real, bonecos de neve sobre rodas, fadas, paxes e elfos, pertencentes aos clubs de patinaxe,  de hóckey  e de ciclismo da vila, que acompañarán aos reis sobre os seus patíns e bicicletas ademais haberá un grupo de personaxes da Laponia que animarán con danzas, equilibrios e malabares as rúas da vila, ao paso da cabalgata de Reis.

A saída da Cabalgata será ás 18:00 horas, da Rúa Monte Caxado e discorrerá pola Avenida de Ortigueira, Avenida Castelao, Praza do Hospital para continuar pola Avenida de Galicia, subir pola Rúa Rosalía de Castro e Avenida de Ferrol

A continuación os Reis Magos serán recibidos, no patio do Colexio Santa María, polo goberno local,  e os nenos e nenas da vila poderán falar con eles e entregarlles as súas cartas. Ao mesmo tempo,  mentres a rapazada agarda para falar coas Súas Maxestades, haberá xogos infantís.

Xa sobre ás 20:00 horas e como remate da cabalgata, na carpa instalada no patio do Colexio Santa María haberá un concerto de rock para o público máis novo da man da banda Rock Kids Le Suite Band e haberá tamén chocolate quente e roscón de reis para o público asistente.

Desde o Concello das Pontes animan á veciñanza da vila e da comarca a acompañar as Súas Maxestades, nunha noite que será máxica e inesquecible no só para as nenas e os nenos senón tamén para as persoas adultas.