As Pontes, 4 de outubro| Fin de semana de exaltación gastronómica a que nos agarda e é que de seguro que moitos veciños e veciñas non poderán evitar a tentación de pasarse, este domingo, pola parroquia de Goente para sumarse á IX Feira do Queixo do Eume e Mel de Goente.

De feito, xa nestes días, podemos consultar o interesante programa desta cita que conmemora o seu noveno aniversario e que arrincará ás 10.00, no campo da festa de Goente. Alí poderemos desfrutar de diferentes postos de mel dos integrantes e socios de Agaeume e, por suposto, do queixo da Faeira. Asemade, non faltarán os stands de artesanía ou produtos ecolóxicos, e ata un espazo para tomar boa nota de cómo facer unha candea.

Ao igual que acontecía o pasado ano, tamén contaremos cunha exhibición de coches clásicos e, para os máis pequenos, reeditarase o obradoiro de elaboración de queixo dende as 11.00 horas.

Por suposto, unha das actividades con maior éxito nesta festa é o xantar popular que, este ano, contará cun menú composto por churrasco, callos, queixo e mel e que terá un custo de 14 euros por comensal, agás para os menores de 10 anos que poderán asistir gratuitamente.

Ás 14.00 comezarase a repartir este saboroso menú para o que se poderán facer cun ticket no mesmo escenario da feira, nunha carpa que instalará a organización do evento.

Asemade, tamén á tarde serviranse merendas compostas por queixo, mel, requeixo, manteigadas e freixós, e incluso haberá unhas foodtrucks nas que degustar saborosos produtos da nosa terra.

A programación da xornada do domingo tamén incluirá talleres infantís dende as 16.00 horas con xogos populares, clases de zumba ou obradoiros de pintacaras; un espectáculo de maxia a cargo do ilusionista David Méndez dende as 17.00 da tarde e ata un obradoiro de grafitti dende as 18.00 horas.

Para as 19.00 horas está programada a entrega de premios do concurso de receitas e do certame de meles claras e escuras, ás 20.00 e como fin de festa unha verbena popular, para poñer o broche de ouro a esta festa gastronómica.