As pontes, 29 de novembro| Dende onte pódense solicitar xa os permisos para realizar queimas de restos agrícolas e forestais amoreados.

A realización destas tarefas permanecía suspendida ata o de agora debido ás condicións meteorolóxicas adversas.


A Consellería do Medio Rural permite xa de novo, tramitar permisos para facer queimas de acordo coa normativa de aplicación, debido á diminución do risco de incendios forestais por condicións meteorolóxicas. A prohibición de queimas de restos agrícolas e forestais prolongouse ata o de agora debido á climatoloxía adversa.

Quen o precise pode xa realizar as comunicacións e solicitudes de autorización de queimas a través do teléfono 012, do centro de atención aos cidadáns da Xunta de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Deste xeito, os cidadáns que desexen queimar restos agrícolas amoreados nas zonas que determina a devandita lei nos períodos habilitados deberán comunicalo dous días antes. No caso de queimas de restos forestais amoreados, deberase solicitar unha autorización debido ó risco da actuación, sendo maior o proceso de tramitación. En todo caso, lembramos que as autorizacións e comunicacións deixan de ter validez nos días que hai vento e altas temperaturas.