A concelleira de Benestar Social, Tania Pardo e o concelleiro de Urbanismo, Antonio Alonso visitaron esta mañá as obras de construción da Unidade Residencial de Saúde Mental das Pontes, promovida pola Asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal.

Durante a visita, na que tamén participou o presidente da asociación, Felix Pena e a conselleira de Política Social, Fabiola García, a concelleira Tania Pardo lembrou a importancia deste novo equipamento, o cuarto en Galicia e décimo terceiro en España,co que se cubrirá a ausencia de recursos sanitarios, na área de Ferrolterra, para pacientes con trastorno mental severo de longa duración, con importantes limitacións e sen posibilidades de apoio familiar e para os que son insuficientes os pisos protexidos por precisar dun apoio e supervisión 24 horas diarias.

O proxecto, cun investimento de próximo aos 2 millóns de euros conta co apoio económico do Concello das Pontes que aporta 400.000‬ euros así como do goberno de España a través dos fondos europeos do Mecanismo para a Recuperación e a Resiliencia e da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.

A unidade residencial terá unha capacidade de 25 prazas, nun total de 1.000 metros cadrados construídos, distribuídos en tres habitacións dobres, 19 individuais, zonas comúns para esparexemento e ocio, zona para taller de actividades, comedor, cociña e almacén, oficinas, e despachos de atención personalizada.

Todo elo coa aparencia dunha vivenda unifamiliar, co obxectivo de que as persoas usuarias podan facer unha vida o máis normalizada posible, en réxime de convivencia familiar, integrada no ámbito comunitario e nun entorno vivo próximo ós servizos sanitarios e sociais.

Entre os servizos que prestará a unidade residencial de saúde mental destacan os programas individualizados de atención especializada, un plan de apoio familiar, asistencia nas actividades básicas e instrumentais da vida diaria, actividades de lecer e tempo libre así como rehabilitación funcional, terapia ocupacional, estimulación cognitiva e atención psicolóxica, entre outras que recaerán sobre un equipo de traballo multidisciplinar con profesionais procedentes do sector sociosanitario.

A Unidade Residencial será construída de acordo cas directrices do Decreto 347/2002, de 5 de decembro, polo que se regulan os pisos protexidos, vivendas de transición e unidades residenciais para persoas con trastornos mentais persistentes, e teranse tamén en conta as directrices arquitectónicas e de servizos aportadas pola Consellería de Política Social para a creación de Residencias de persoas con discapacidade.