As Pontes, 2 de abril de 2025. A Concelleira de Promoción Industrial, Ana Pena, visitaba esta mañá as instalacións que a empresa pontesa “Queserías del Eume” ten na Faeira, acompañada da delegada territorial da Xunta de Galicia en Ferrol, Martina Aneiros.
O motivo da visita era comprobar de primeira man a nova instalación dunhas placas fotovoltaicas para a mellora da eficiencia enerxética da industria, xa que “Queserías del Eume” foi unha das empresas beneficiarias da liña de axudas da Consellería de Economía e Industria para infraestruturas de almacenamento enerxético, cunha contía económica de preto de 22.000 euros, e que permitirá a empresa local reducir os seus costes produtivos e adaptarse aos novos tempos, aumentando a súa competitividade.
Durante a visita Ana Pena, concelleira de Promoción Industrial, destacou a labor de empresas como Queserías del Eume, “unha industria rural, cun grande volume de consumo dunha materia prima como o leite, o que supón un gran impulso para o sector primario, un dos motores da economía local”.
“Unha empresa da que estamos orgullosos pois non só mantivo a súa actividade despois de 70 anos, se non que xa na súa terceira xeración continúa medrando en canto a productividade e calidade dos seus produtos, levando o nome das Pontes a nivel nacional e internacional, grazas a un dos produtos máis típicos da nosa comarca, ademáis de fomentar o emprego no noso Concello” engadiu a concelleria.

























