As Pontes, 7 de febreiro de 2025. A cantante galega Uxía compartirá escenario coa acordeonista, cantora e compositora portuguesa Celina da Piedade nun concerto moi especial no marco das actividade programadas polo Concello das Pontes con motivo da 44ª edición da Feira do Grelo, que se celebrará os días 1 e 2 de marzo.
Uxía é considerada a gran dama da música galega. Nos seus case 40 anos de carreira artística, renovou a música tradicional galega conectándoa coas culturas atlánticas, mesturando alalás con morna, fado e ritmos brasileiros.
Dende a súa estrea con *Foliada de marzo* en 1986, o seu traballo representa un punto de encontro de diferentes culturas, e creou o seu repertorio a través das súas continuas viaxes e intercambios con músicos de Brasil, Portugal, Cabo Verde ou Guinea-Bisáu, como João Afonso, Dulce Pontes, Rui Veloso ou Tito Paris.
Publicou 12 discos polos que recibiu importantes recoñecementos, entre os que destacan o Premio da Crítica Galicia 2016 ou o Premio ao Mellor Álbum de Música de Raíz nos Premios de la Música Independente de España por “Meu canto”, seleccionado tamén como Top of the World pola revista británica Songlines. Entre outros proxectos, é a directora artística e alma mater do Festival Internacional da Lusofonía Cantos na maré.
Pola súa banda, Celina da Piedade é acordeonista, cantora, e compositor é considerada unha das personalidades esenciais á hora de achegar a tradición portuguesa ás músicas do mundo e é coñecida polo seu traballo de investigación e divulgacion do patrimonio cultural alentejano.

























