As Pontes, 11 de agosto de 2020.  Unha vintena de empresas pontesas participaron esta mañá, na xornada virtual sobre a nova convocatoria de Programa Reindus, para a mellora da competitividade industrial e a reindustrialización dos territorios, organizada polo Concello das Pontes en colaboración co Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.

Ana Pena, durante a presentación desta xornada, fixo fincapé na importancia deste encontro que “permite o contacto directo das empresas pontesas cos departamentos nos que se xestionan estas achegas, coñecendo con detalle a convocatoria e tendo a oportunidade de expoñer, en primeira persoa os seu proxectos,  plantexar as súa dúbidas e recibir asesoramento a medida das súas necesidades por parte dos técnicos do Ministerio de Industria”.

Durante esta sesión informativa, unha técnica do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo explicou, polo miúdo, a convocatoria especial Reindus 2020, destinada a proxectos de investimento industrial para a mellora e modificación de liñas de produción así como para a implementación produtiva de tecnoloxías da “Industria Conectada 4.0”,   afondou no tipo de proxectos que poden acceder a estas achegas, nos prazos de presentación das solicitudes, no sistema de tramitación das mesmas así como nos límites de financiamento dos proxectos.

A continuación abriuse unha queda de preguntas, na que os/as representantes das empresas pontesas realizaron as súas consultas e expuxeron as súas dúbidas. Ao final do encontro, desde o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo púxose á disposición das persoas participantes un enderezo electrónico para establecer unha rolda de contactos bilaterais para abordar peticións e casos concretos, ofrecendo un asesoramento individualizado ás empresas que así o desexen.