As Pontes, 10 de agosto de 2020. O Concello das Pontes comezou hoxe as obras de mellora do ximnasio no CEIP A Magdalena, un proxecto que forma parte do plan emprendido pola administración local para mellorar os edificios e equipamentos deportivos do municipio.

Estes traballos permitirán acondicionar un espazo que “é empregado como instalación deportiva do centro educativo pero tamén para o desenvolvemento de diversas actividades deportivas promovidas polo Concello das Pontes” sinala o executivo local.

As obras, cun orzamento de 47.715 euros, cofinanciado polo Concello das Pontes e Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a través das achegas para a creación ou mellora de infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados a prestación de servizos municipais, están dirixidas a rehabilitar a cuberta desta instalación para, deste xeito, mellorar a saúde e as condicións de illamento térmico de todo o edificio, eliminando todo o material de revestimento de fibra de cemento.

Tamén se procederá á substitución do actual teito do ximnasio, suspendido na zona da pista polideportiva, para instalar un panel sándwich con illamento interior. Así mesmo, procederase á rehabilitación da fachada do ximnasio, eliminando as actuais placas de poliéster para mellorar a iluminación natural do mesmo coa instalación de lousas de policarbonato compacto con protección UV.

Por outra banda, tamén se actuará na parte cega desta fachada eliminando o revestimento actual para aplicar un novo baseado nunha impermeabilización acrílica reforzada en fibra de vidro.