Foto: REGANOSA

As Pontes, 13 de xuño de 2023. Reganosa, a través da súa filial H2Pole, acaba de licitar a construción dunha planta de produción de hidróxeno verde das Pontes. A terminal terá unha capacidade de 100 megawatts e poderá producir ao redor de 16.000 toneladas anuais de combustible.

O proxecto, que forma parte dunha iniciativa empresarial maior en alianza coa portuguesa EDP Renovables, foi o primeiro declarado como industrial estratéxico (PE) da Xunta, o que lle permitiu acurtar os prazos.

Reganosa abre así a selección de compañías candidatas, co obxectivo de asinar un contrato chave en man dos servizos de enxeñería de detalle, subministración, construción e posta en marcha das futuras instalacións.

A empresa sostén que, «de forma preferente», adxudicará o pedido a unha soa firma, aínda que admitirá «cando existan razóns obxectivas, agrupacións de interese económico». As previsións que manexa Reganosa é que será necesaria un investimento de ao redor de 156 millóns de euros para materializar este proxecto.

A empresa enerxética deseñou a terminal en varias fases.A primeira terá un prazo de execución de 24 meses. A firma que dirixe Emilio Bruquetas espera que os traballos poidan comezar no primeiro trimestre do próximo ano, co obxectivo de arrincar as instalacións nos primeiros meses do 2026.As empresas interesadas en participar na licitación dispoñen de prazo ata o próximo día 26.

A terminal de produción de hidróxeno verde estará situada no Tesouro, nunha parcela de 30.000 metros cadrados que antigamente acolleu as oficinas da mina de Endesa. Será o primeiro gran proxecto que se acometerá na vila no marco do proceso de transición enerxética desencadeado tras a solicitude de peche da central térmica de carbón.

De feito, o H2Pole recibiu axudas do Programa de incentivos a proxectos pioneiros e singulares de hidróxeno renovable. A construción da planta -que xa conta con clientes, como a futura fábrica de pneumáticos de Sentury, tamén nas Pontes-, xerará ocupación para uns 300 traballadores. Posteriormente, na fase de operación, empregará a medio centenar de persoas.

Vía: La Voz de Galicia