As Pontes, 1 agosto de 2019.  O Concello das Pontes ofrecía, esta mañá, unha recepción oficial a unha representación da veciñanza de Lesneven, coincidindo coa celebración do 28º aniversario do irmandamento entre As Pontes e a vila bretona.

Os integrantes da comitiva francesa foron recibidos, xunto coas familias pontesas de acollida, pola tenente de alcalde, Ana Pena, e o concelleiro de cultura, Vicente Roca, acompañados polas presidentas dos comités de irmandamento, Sara Ramos e Marie Claire Abhervé.

Durante o acto institucional, Vicente Roca deu a benvida aos visitantes e animounos a gozar das Pontes e dos seus recunchos e convidounos a seguir traballando para manter vivo un dos irmandamentos máis lonxevos da comunidade autónoma.

Pola súa banda, Ana Pena, felicitou a ambos comités por lograr ser unha irmandade de referencia e polo compromiso amosado pola veciñanza de ambas vilas durante máis de dúas décadas, animándoos a continuar coa mesma liña e seguir estreitando lazos de amizade. 

Desde a súa chegada a As Pontes, o luns, a delegación bretona está a participar en diferentes activades no municipio ademais de visitar outros lugares veciños. 

A xornada de hoxe arrancaba coa recepción oficial no salón de plenos municipal seguida dun aperitivo. Esta mesma tarde participarán nun obradoiro de artesanía celta. 

O venres está prevista unha xornada de descanso e o sábado retomarán a actividade cunha visita pola costa ortegana para realizar unha roita polos faros que os achegará ata San Andrés de Teixido e Estaca de Bares. Xa o domingo, participarán nunha comida de despedida antes de regresar a Lesneven.