As Pontes, 11 de novembro de 2024. A emisora municipal das Pontes Radio Eume celebra hoxe o seu 35 aniversario. A concelleira do medio, Lorena Tenreiro, deu conta do orgullo e privilexio que supón ter un medio local de comunicación con case catro décadas de vida nun sector no que non é sinxelo alcanzar esa idade.

A edil fixo balanzo das diferentes etapas da emisora local que arrincaba no dial 107.1 da FM e que agora pódese escoitar no 107.5, ademáis de na internet, e é que, hai tan só un par de semanas, Radio Eume entraba no mundo dixital co seu propio espazo e que, en verbas, da concelleira de Cultura, permite que agora calquer veciño ou veciña das Pontes coñeza o día a día do seu municipio, independemente do lugar do planeta no que se atope.

Con esta dixitalización, Radio Eume dá un paso máis e con novos obxectivos por diante: ampliar a súa audiencia e tamén incluír, nun futuro, nova programación e contidos.

Asemade, Lorena Tenreiro quixo agradecer o gran papel dos traballadores e traballadoras que, ao longo destes anos pasaron por estes estudos, e tamén o importante respaldo das ducias de veciños e veciñas, que de xeito altruísta, tamén nalgún momento, adicaron o seu tempo libre a dar vida a algún programa.

Colaboradores a título individual, asociacións de todo tipo ou profesionais que xunto co propio plantel de traballadores da radio televisión local, son a xuízo de Tenreiro os auténticos responsables deste éxito e de que, case catro décadas despois, a radio das Pontes continúe en marcha.

Historia

Radio Eume realizaba a súa primeira emisión o 11 de novembro de 1989, no 107.1 da FM e cun equipo con Joséfina López Blanco na dirección, o técnico Pablo Paz e o redactor e locutor Xosé Cendán, e co impulso naquel momento do concelleiro Fermín Paz Lamigueiro e o ex alcalde Aquilino Meizoso.

Preto de 40 colaboradores e colaboradoras se sumaron a esta iniciativa nos seus comezos, con programas moi populares entre a cidadanía, ao longo destes anos, algúns deles aínda en antena, coma os informativos As Pontes Hoxe, o debate semanal de A Tertulia, programas musicais como A toda máquina, O Campo da Festa, O arcón dos recordos, As Mañás da Radio, O recuncho ou a Cociña do Inferno, magazines coma As Pontes Hoxe ou o Programa dos Pepes e diferentes espazos de entrevistas, información ou música de todos os estilos.

A día de hoxe, Radio Eume dispón dun equipo dirixido por Xosé Cendán, con Erika Caaveiro e Pepé Capelán nas labores de redacción e locución e José Miguel Bouza e Miguel López como técnicos de son, e onde cabe salientar contidos coma o informativo As Pontes Hoxe, o programa cultural O recuncho dos libros ou o espazo musical A toda máquina.