As Pontes, 20 de decembro de 2019. Ocio Nadal, a proposta do Concello das Pontes para a rapazada do municipio durante as festas navideñas, abrirá as súas portas, o luns, 23 de decembro, ás 10.30 horas.

Trátase dunha iniciativa a través da que o Concello das Pontes quere facilitar a socialización entre a rapazada do municipio ao tempo que trata de promover actitudes e comportamentos de respecto, solidariedade, autonomía persoal, e educación en valores así como a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

As actividades programadas están deseñadas para que nenos e nenas xoguen indistintamente, evitando que se reproduzan os roles clásicos de masculino e feminino. Entre todas as propostas destacan un obradoiro de cociña, unha piscina de bolas para menores de tres anos, un espazo destinado aos xogos de mesa, unha zona con dianas de dardos así como un espazo de xogos de consolas e simuladores de carreiras.

Asemade haberá unha zona de xogo de Playmobil, con mesas de xogos con diferentes temáticas da licencia (medieval, fantasía e cidade) así como zonas de xogo de Carrera First e SuperZings, todo baixo a supervisión de monitores e monitoras de ocio e tempo libre

Esta proposta de ocio, gratuíta, está dirixida a menores con idades comprendidas entre os 1 e 17 anos, e ubicarase no 2º e 3º andar do mercado municipal.

Ocio Nadal permanecerá aberto desde o día 23 de decembro ata o 7 de xaneiro, ambos incluídos, de 10:30 a 13:30 horas, en horario de maña, e de 16:30 a 20:00 horas durante as tardes, excepto os días 25 de decembro e 1 de xaneiro, nos que permanecerá pechado. O día 6 de xaneiro só abrirá en horario de tarde.