As Pontes, 15 de setembro de 2025. O Lago das Pontes acolleu este sábado o primeiro
Festival Dragón Boat, unha xornada deportiva e solidaria organizada polo club Folixa As
Pontes, que reuniu a centos de persoas nun ambiente marcado pola emoción, o
compañeirismo e a visibilización da loita contra o cancro de mama.

O evento contou coa participación de equipos femininos, mixtos e BCS/ACS (formados por
persoas sobreviventes ou afectadas polo cancro), que competiron nas modalidades de barcos DB12 e DB22, demostrando un gran esforzo físico e unha enorme forza emocional.

Un dos momentos máis destacados foron as “Batallas Dragón Boat”, que puxeron o toque máis competitivo e divertido á xornada, cun formato áxil e cheo de intensidade.
Desde o Concello de As Pontes, o alcalde Valentín González Formoso agradeceu a
implicación de todas as persoas participantes e destacou “a importancia de iniciativas que unen deporte, saúde e convivencia, e que contribúen a dinamizar espazos naturais como o Lago das Pontes”. Tamén quixo recoñecer o traballo do Náutico Folixa polo seu compromiso coa promoción dos valores sociais e deportivos da vila.

A xornada completouse con actividades para todos os públicos, animación, música e zonas de descanso e avituallamento, convertendo o festival nun espazo de encontro interxeracional e inclusivo.

Desde o Concello trasladouse un agradecemento especial a todas as persoas participantes, entidades colaboradoras e público asistente “por facer deste primeiro festival unha verdadeira celebración da forza, da esperanza e da comunidade”.

Tras o éxito desta primeira edición, o Festival Dragón Boat das Pontes nace coa vontade de
consolidarse como unha cita anual de referencia no calendario deportivo e social da comarca.