As Pontes, 27 de marzo de 2023. O parque municipal das Pontes contará, nas próximas semanas, cunha fonte transitable, un elemento ornamental que ten como obxectivo aumentar o equipamento do espazo e facelo máis atractivo.

Desde o goberno local apuntan que “no últimos anos estamos levando a cabo unha serie de intervencións de mellora nos espazos de lecer do termo municipal coa finalidade de incrementar os niveis de calidade, seguridade e accesibilidade, dotándoos de mobiliario urbano, xogos e vexetación, entre outros elementos, con esta intervención no Parque Municipal, un dos espazos de lecer máis frecuentados da vila, queremos contribuír á súa mellora estética e ornamental pero tamén ofrecer un elemento de xogo máis para a rapazada nos meses de verán”

O proxecto, cun orzamento de 78.650€, con cargo aos fondos municipais permitirá á construción dunha fonte transitable a rentes do parque infantil, nunha zona verde, situada nas proximidades do mercado municipal, que non se invade o itinerario de paso peonil pero próxima aos elementos de xogo existentes.

Os vasos da fonte estarán ocultos, por debaixo do nivel do chan no que se colocarán os surtidores, que dependerán dun centro dixital conectado a un anemómetro a través do se programará a altura dos chorros e os intervalos de luz e saída de auga, permitindo camiñar por entre os chorros de auga.

Cada un dos surtidores irá impulsado por unha bomba somerxible con variador de altura e velocidade incorporado e iluminación con focos específicos para fontes de tecnoloxía LED de baixo consumo. Desde o Concello das Pontes apunta que o consumo de auga tamén será reducido posto que “esta recircula continuamente, sendo os requirimentos de electricidade da bomba que activa o circuíto tamén mínimos”.

A fonte estará dotada dun sistema de filtración biolóxica e inclúe unha lámpada ultravioleta UVC que permite garantir a salubridade da auga e cando sexa necesario baleirar a fonte para a súa limpeza verterá á rede de pluviais. Así mesmo toda a instalación realízase rexistrable para poder acceder aos elementos en caso de avaría.

ACTUACIÓNS NO PARQUE MUNICIPAL DAS PONTES

O parque infantil e os xardíns do Campo da Feira constitúen un amplo espazo libre de máis dunha hectárea situado diante da Casa do Concello, ocupando os terreos onde historicamente se celebraba a feira os días 1 e 15 de cada mes, actividade que na actualidade se trasladou ás rúas da súa contorna.

A mediados do século XX o Campo da Feira transformouse nun xardín de estilo clásico, con predominio das formas xeométricas. Cara a marxe da rúa Alexandre Bóveda o xardín contaba cun espazo máis diáfano no que se instalaron no seu día pequenos elementos de xogo para os nenos.

No ano 2008 acometeuse unha remodelación integral do ámbito, pois a vexetación sufría un grande deterioro fisiolóxico como consecuencia da falta de mantemento e de actos vandálicos.

Nunha primeira fase a actuación de remodelación afectou á parte de xardín propiamente dita, creando un itinerario central que conecta a Casa do Concello co parque infantil e amplas zonas verdes cubertas de céspede nas que se conservan varias das especies arbóreas do xardín orixinal. A zona dura pavimentouse con baldosa de pedra e amoblada con bancos, xardineiras e farois.

Nunha segunda fase, no ano 2010, acometeuse a remodelación do parque infantil, conectándoo directamente co espazo verde, creando varios ámbitos ou zona de xogos infantís segundo idades. Despois desta última remodelación, o parque converteuse nun dos lugares máis visitados do municipio, téndose recuperado o espírito de lugar de reunión das súas orixes coma campo da feira.