As Pontes, 31 de xaneiro de 2026. As Pontes pasa a ser o territorio prioritario no novo reparto dos Fondos de Transición Xusta, unha reformulación da convocatoria que recoñece o impacto económico e social provocado polo peche da central térmica.

O cambio nas bases permite concentrar unha parte significativa das axudas nos concellos máis afectados pola perda da actividade industrial e do emprego, corrixindo un reparto inicial que non reflectía a dimensión real das consecuencias do peche.

Esta nova convocatoria é froito do acordo alcanzado entre o Concello das Pontes e a Consellería de Economía e Industria, polo que o Concello retirou a demanda xudicial presentada contra a anterior convocatoria a cambio de que As Pontes pasase a ser o principal beneficiario das axudas dos fondos de transición.

Un acordo que permite desbloquear recursos clave para o futuro industrial do municipio e avanzar nunha transición máis xusta tras o peche da central térmica e que garante un maior apoio público aos municipios que perderon unha parte substancial da súa actividade económica, dos seus ingresos municipais e do emprego asociado á produción enerxética.

O novo enfoque da convocatoria recoñece de maneira explícita a situación de As Pontes como un dos territorios máis afectados polo cesamento da actividade industrial. En concreto, As Pontes e Cerceda terán acceso ao 50 % da liña principal de axudas destinada a proxectos de descarbonización e renovación industrial de compañías tractoras, o que supón 40 millóns de euros dun total de 80 millóns previstos nesta modalidade.

A outra metade desta liña de axudas repartirase entre unha vintena de concellos limítrofes das comarcas de Ferrolterra, Eume, Ortegal e Ordes, así como A Laracha e Carral. A convocatoria limítase á provincia da Coruña, polo que quedan fóra outros municipios que inicialmente reclamaran o acceso aos fondos.

Xunto á liña principal de 80 millóns de euros, a Xunta destina outros 22 millóns a unha nova edición de préstamos parcialmente reembolsables dirixidos a pemes da provincia da Coruña, que poderán solicitarse a partir do 9 de febreiro. O prazo de presentación de solicitudes será de tres meses en ambos os casos, co obxectivo de facilitar o acceso das empresas ás axudas e á financiación dispoñible.

Estas actuacións compleméntanse co Plan de Actuación Integral As Pontes-Meirama 2025-2028, orientado á recalificación profesional, á mellora da empregabilidade e á reinserción laboral das persoas traballadoras afectadas polos peches das centrais térmicas, así como á atracción de novos proxectos industriais sustentables.

Co novo reparto dos Fondos de Transición Xusta, As Pontes consolida o seu papel como eixo central da reindustrialización verde en Galicia e como referencia na defensa activa dos intereses municipais nun proceso de transición que incorpora criterios de xustiza territorial e impacto real.