As Pontes, 7 de xuño de 2023. O lago das Pontes acollerá o sábado, 10 de xuño, a primeira regata da liga Galega de Traiñeiras 2023, organizada pola Asociación Liga Noroeste coa colaboración do Concello das Pontes.

Durante o acto de presentación da I Bandeira Concello das Pontes, a concelleira de Turismo Elena López, que estivo acompañada polo presidente da Asociación Liga Noroeste, Javier Rodríguez, agradeceu a súa aposta por As Pontes para a celebración desta regata presentación da liga 2023 que “demostra, unha vez máis o potencial que ten o lago das Pontes para a organización de eventos deportivos en augas continentais ofrecendo ao mesmo tempo unha oportunidade para visibilizar o deporte do remo entre a veciñanza”

Pola súa banda, Javier Rodriguez agradeceu ao Concello a súa colaboración salientando que se trata de primeira vez que “un municipio do interior de Galicia acolle unha regata de traiñeiras. É algo novo, vamos poder gozar dunha regata dura, tanto física como tecnicamente, á que haberá que sumar o aliciente de que se disputa en agua doce o que pode facer que haxa sorpresas na competición”.

A presentación da Liga comezará ás 14:00 horas, cun desfile das 25 embarcacións que participarán na competición, con entrada conxunta no Lago das Pontes tras recorrer as rúas do municipio, formado unha comitiva de máis de 500 metros.

Ás 16:30 horas dará comenzo a competición coas embarcacións pertencentes á Liga B, a continuación disputarase a liga feminina, na que participan 7 embarcacións, e rematará coa proba da Liga A.

A partir das 19:30 horas celebrarase o acto de presentación das 25 tripulacións e farase entrega das bandeiras da primeira regata da Liga Galega de Traiñeiras 2023.

Elena López ao remate da presentación da regata, animou a veciñanza das Pontes e da contorna a” achegarse ao lago este sábado, para gozar dun auténtico espectáculo deportivo”.