As Pontes, 31 de agosto de 2025. O Lago das Pontes será este fin de semana o escenario da quinta edición do Trofeo de Beach Rugby Vila das Pontes, unha competición incluída nas Series Nacionais desta modalidade deportiva, na que se decidirán os campións masculinos e femininos.
A proba foi presentada hoxe pola Asociación Deportiva Monte Medulio, organizadora do evento, representada polo seu presidente, Joel Carballeira Orjales, e contou coa presenza da edil de Deportes, Elena López.
Durante a presentación, Joel Carballeira destacou que desde mañá e ao longo do sábado participarán 37 equipos con preto de 400 xogadores e xogadoras, a maioría repetidores tras as boas experiencias de edicións anteriores. Na categoría senior haberá 12 equipos masculinos e 12 femininos; na categoría M15 competirán seis equipos, catro na M17 e tres en mixed ability rugby, modalidade na que participará por primeira vez o CR Fendetestas.
O presidente agradeceu o traballo dos máis de 80 voluntarios que colaboran para garantir o éxito do evento, que conta co apoio da Deputación da Coruña e do clube local Fendetestas.
Ademais da competición deportiva, haberá actividades lúdicas. Mañá pola noite celebrarase unha festa ambientada en Miami Beach, na que os participantes poderán disfrutar dunha velada temática tras a entrega de trofeos e o sorteo dos grupos.
Pola súa parte, a edil de Deportes, Elena López, destacou as vantaxes do Lago das Pontes como un espazo ideal para acoller eventos deportivos de distintas categorías, desde o local ata o internacional. López subliñou tamén a importante repercusión económica que o torneo ten para a vila, xa que atrae visitantes que consumen e pernoctan no municipio, beneficiando ao comercio, servizos e hostalería local.
Finalmente, convidou á veciñanza a acudir ao lago para gozar dunha disciplina en auxe, impulsada polo traballo do Clube Fendetestas e apoiada polas instalacións do enclave.
Calendario da competición
-
Venres 15:30 h: Inicio dos partidos nas categorías M15 e M17, xunto con varios encontros de mixed ability rugby.
-
Venres 21:30 h: Entrega de trofeos seguida do sorteo dos grupos senior masculino e feminino.
-
Venres 23:00 h: Festa de benvida ambientada en Miami Beach coa música de Disco Móbil Sonoramal.
-
Sábado 09:30 h: Inicio dos encontros de grupos nas categorías sénior masculina e feminina.
-
Sábado 20:00 h: Finais da competición.
-
Sábado 21:30 h: Entrega de trofeos e fin de festa co concerto do grupo Antha.

























