As Pontes, 13 de febreiro de 2020. A cabalgata de Entroido, organizada polo Concello das Pontes e que se celebrará o próximo 25 de febreiro, repartirá máis de 6.500 euros entre as persoas participantes.

O xurado terá en conta na súa valoración aspectos como a orixinalidade, o vestiario, a maquillaxe, a calidade musical, a coreografía así como o desenfado na interpretación dos disfraces e o número de compoñentes nos grupos para outorgar os premios ás mellores carrozas, con 700, 550, 300 e 200 euros para os catro primeiras clasificadas.

Establécense, así mesmo, dúas modalidades para os grupos, en función do número de integrantes. De tal xeito que, os grupos de entre 3 e 9 persoas optarán a premios de 350, 250 e 150 euros mentres que, entre as agrupacións de 10 ou máis membros repartiranse catro premios de 500, 400, 200 e 100 euros.

Ademais, o Concello de As Pontes premiará ás catro primeiras parellas adultas clasificadas con 175, 150, 100 e 75 euros, respectivamente e, a nivel individual, as persoas adultas que tomen a saída no desfile poderán gañar 125, 100, 75 e 50 euros se se sitúan entre os catro disfraces máis valorados polo xurado.

Como en edicións anteriores, As Pontes tamén premiará aos/ás participantes máis novos/as e, deste xeito, na categoría infantil haberá sete premios, de 150 euros cada un, para os grupos e outros tantos para as parellas e os/as participantes individuais, dotados con 75 euros e 50 euros, respectivamente, cada un deles. Aos/as participantes na categoría “menores de 8 anos” entregaráselles un conto.

Aos premiados/as nas categorías infantís entregaráselles un vale trocable por libros, material, xogos educativos e didácticos.

A cabalgata de entroido partirá ás 17:00 horas da Rúa Monte Caxado para realizar, a continuación, un percorrido que discorrerá pola Avenida de Ortigueira,  Avenida de Vilalba, Rúa Celso Emilio Ferreiro para finalizar no pavillón polideportivo municipal, lugar onde se efectuará a entrega de premios.

Todas as persoas interesadas en participar no desfile de disfraces poden inscribirse, ata o luns, 24  de febreiro, ás 12:00 horas no rexistro xeral do Concello de As Pontes ou ben a través da dirección web www.sede.aspontes.com.

Para máis información e consultar as bases completas da cabalgata de entroido 2020 https://vive.aspontes.org/publicadas-as-bases-para-participar-na-cabalgata-de-entroido-2020/?fbclid=IwAR3xxjKokRROm3ZpX6Lr1S8nDHRBBRQ3Fkzyc-wuCcJzH-6-ReTwVolay0M